Desenvolvemos o Protocolo 8.3
Catro alumnas do CPR Nebrija levaban a cabo un seguimento das noticias vencelladas á violencia de xénero nos medios de comunicación. Repararon especialmente na nova sobre o caso dun coñecido futbolista, debido aos protocolos que seguiron no local no que sucederon os feitos. Esta noticia fíxolles cuestionarse se nos establecementos da súa cidade, A Coruña, tamén existen estes protocolos. Deste xeito comezou a súa investigación e, co apoio do instituto, decidíronse a levala máis aló e realizar un plan de actuación.
A invisibilidade da violencia sexual nos espazos de ocio nocturno
A violencia sexual cara as mulleres nos espazos nocturnos de ocio é unha cuestión que sucede con máis frecuencia da que pensamos, aínda que non existan demasiados estudos que o corroboren, xa que a meirande parte dos casos non son denunciados. Segundo Contreras et al. (2010) un estudo latinoamericano calculou que só arredor do 5% das vítimas adultas da violencia sexual notificaron incidentes desta índole á policía.
A violencia sexual defínese como “todo acto sexual, a tentativa de consumar un acto sexual, os comentarios ou insinuacións sexuais non desexados, ou as accións para comercializar ou utilizar de calquera outro modo a sexualidade dunha persoa mediante coacción por outra persoa, independentemente da relación desta coa vítima, en calquera ámbito, incluídos o fogar e o lugar de traballo” (OMS, 2011).
Este tipo de violencia foi o que identificaron Yomara, Irene, Victoria Montserrat e Nerea, alumnas de 1º FPB en Servizos Administrativos no CPR Nebrija neste caso de actualidade. Mais, o que chamou a súa atención alén do sucedido, foi a boa actuación por parte do persoal do local no que sucederon os feitos, xa que se seguiu un protocolo interno de protección da vítima. Isto último fíxolles preguntarse se na súa cidade, A Coruña, os locais de ocio nocturno tamén contan con este tipo de protocolos de actuación ou non, levándoas a facer unha investigación ao respecto.
Noches seguras para todas | InvestigaciónEstán preparadas as salas de festa ante unha situación de violencia sexual?
Estas catro mozas comezaron a súa investigación para achegarse á realidade da súa contorna a través de entrevistas telefónicas ao persoal responsable das discotecas, así como enquisas a compañeiros e compañeiras do seu instituto.
Por unha banda, chamaron a 40 discotecas e pubs nocturnos da cidade da Coruña. Puideron contactar soamente con 26 deles, sendo 6 pertencentes ao mesmo grupo. Os resultados que obtiveron con estas entrevistas telefónicas foron que nos seis locais do grupo si existe unha medida vencellada ás agresións, un punto violeta ao que acudir en caso de agresión, mentres que no resto dos locais cos que puideron contactar non existe ningún tipo de protocolo de actuación.
Ante estes resultados, seguiron investigando sobre a situación noutros países e descubriron que no Reino Unido existe un protocolo oficial chamado Angel Shot ou Pregunta por Ánxela, unhas palabras chave que alertan a un camareiro/a cando as escoita de que esa persoa está en perigo por algún motivo, iniciando os protocolos pertinentes para a protección da mesma. Ao ser coñecedoras desta información, preguntáronse se isto tamén existe no noso país, tratando de contactar con diversos organismos como o Ministerio de Igualdade, a Policía, ou o Teléfono de Información á Muller para verificalo e contactando de novo cos locais nocturnos, cuxos responsables dixeron non coñecer este protocolo.
No seu instituto fixeron 251 enquisas ao alumnado, 117 homes, 134 mulleres cun rango de idade comprendido entre os 16 e os 55 anos, aínda que predominando nun 51% as persoas entre os 16 e os 18 anos. Os resultados foron os seguintes:
"Coñeces ou sufriches algunha vez algún tipo agresión nalgunha discoteca ou pub na Coruña?" Un 31% das persoas enquisadas responderon que si, fronte a un 69% que dixeron que non.
"Algunha vez escoitaches falar do Angel Shot? Un 70% das persoas enquisadas responderon que non, fronte a un 30% que afirmaron coñecelo.
Coñeces o que é unha agresión sexual? O 95% das persoas enquisadas afirmaron sabelo, dando respostas sobre o que entendían que era unha agresión como: violación, forzar a alguén ou toquetear a alguén sen o seu consentimento.
Ante todos os datos expostos anteriormente, estas rapazas tiñan claras dúas cousas: por unha banda, é imprescindible que na súa cidade se cree un protocolo de actuación no ocio nocturno e, por outra banda, é importante facer unha campaña de sensibilización sobre os recursos existentes, así como a incorporación da educación afectivo-sexual na escola.
Preparámonos contra a violencia sexual en contextos de ocio
Decidiron recompliar toda a información derivada da súa investigación nun dossier que chamaron Protocolo 8.3 (polo 8 de marzo, día da muller) e presentar o resultado da súa investigación á concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación da cidade, quen as recibiu positivamente, comprometéndose a analizar a situación e a reunirse con elas novamente.
Polo de pronto, estas rapazas teñen claro que queren levar a cabo un cambio real e duradeiro na súa comunidade, para despois trasladalo á sociedade en xeral. Para acadar este obxectivo teñen pensado realizar talleres ou charlas sobre agresións sexuais e os protocolos a seguir nestas situacións por parte de profesionais da saúde, persoas expertas en seguridade, avogadas/os ou dunha organización especializada para falar sobre protocolos de agresión sexual. Por outra banda, están realizando unha campaña de concienciación, compartindo toda a información que van acadando a través do seu instagram e da súa páxina web. Ademais, continuaron coa súa investigación facendo unha nova sondaxe no seu instituto sobre a pornografía e como o seu consumo supón unha problemática con respecto á percepción que teñen as persoas mozas sobre o sexo.
Podes ler máis neste enlace.
Protocolo 8.3