Construíndo unha escola acolledora

2023

IES Fernando Wirtz

ODS04 Educacion, ODS10 Reducion Desigualdades

Promovemos a escola como un espazo acolledor, sacando partido do contexto sociocultural do centro educativo, cunha ampla presenza de alumnado migrante. Visibilizamos esta realidade dende as vivencias e saberes do alumnado, para construír un espazo de experiencias compartidas, fomentando o entendemento da diversidade como riqueza.

Web | Instagram

Documentando a nosa escola

Realizamos unha enquisa a todo o alumnado da ESO, para averiguar a porcentaxe de incorporación tardía, lugar de procedencia e lingua/s materna/s. A enquisa mostra que un terzo do alumnado procede de fóra de Galicia. Dese alumnado, o 95% ten o castelán como lingua materna.

Tamén pasamos un cuestionario de autoavaliación da propia identidade cultural, co obxectivo de tomar conciencia de como os discursos adquiridos condicionan a nosa forma de entender o mundo, descentralizar a posición propia e empoderarnos na súa singularidade.

Fixemos unha lectura da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, visionado do documental Camino a la escuela, e recopilamos relatos de vida do alumnado. 

Traballamos cunha selección estratéxica de textos, filmes e documentais vencellados a cuestións de interculturalidade, autoorganización social e defensa dos dereitos humanos e civís.   

Traballamos co grupo de 3º de Programa de Diversificación Curricular (PDC) coa ONG ACCEM a través de sesións semanais de escrita creativa centradas na desarticulación de estereotipos e prexuízos.

Participación nun proxecto interxeracional promovido polo Fórum Metropolitano da Coruña que consistíu na participacións nuns xogos tradicionais de mesa con persoas adultas de diferentes nacionalidades alleos á comunidade educativa.

Traballamos con obras literarias cuxa temática trata sobre inclusión, convivencia, aceptación, adaptación e traballo cooperativo. Asistencia á biblioteca Fórum Metropolitano da Coruña para escoller, con asesoramento do equipo de biblioteca, obras con eses contidos.

Investigamos os espazos do centro educativo, detectando elementos e espazos mellorables. O centro non conta con espazos semiactivos nin tranquilos. Incluso o espazo do patio é pequeno e está centrado no uso do balón. Ademáis é compartido con outro centro, polo que non se pode utilizar nas horas lectivas para actividades didácticas. O centro carece totalmente de espazos verdes.

Recursos Experiencias Alumnado Experiencias alumnado 1 Dereitos humanos

O alumnado tamén pode tomar decisións nun centro educativo participativo

A enquisa e as historias persoais do alumnado evidenciaron a desigualdade de oportunidades para acceder a unha educación de calidade. Os puntos de partida condicionan significativamente as posibilidades de formación. A ausencia dun protocolo e de recursos humanos para acoller alumnado de incorporación tardía que facilite a transición, acaba por estigmatizar á mocidade migrante, que ve mermada a súa capacidade de escolla de itinerarios formativos.

A través dos materiais traballados, o alumnado adquiríu novas ferramentas críticas (conceptos como eurocentrismo, entendido como o sesgo que provoca percibir a cultura europea como centro da civilización humana; ou da interseccionalidade coma ferramenta que permite analizar as superposicións entre diferentes factores de desigualdade e abordalos en conxunto) para analizar e pensar a súa identidade e participación na cultura de aula e de centro. O cuestionario de identidade cultural e o traballo semanal con ACCEM visibilizou a nosa mirada sesgada, en certos aspectos, pero tamén a riqueza da diversidade de sentires e perspectivas nun grupo de seis nacionalidades distintas.

A partir da investigación e a bibliografía consultada sobre espazos educativos, o alumnado de cuarto reflexiona sobre a importancia do espazo educativo interior e exterior na mellora da convivencia escolar e na inclusión da diversidade do alumnado. O alumnado séntese atrapado no espazo do centro e isto condiciona o seu comportamento tanto no lecer como no horario lectivo.

Propostas alumnado Propostas alumnado 1

As nosas propostas poden cambiar o noso centro educativo

As accións realizadas detalladas a continuación concrétanse na ocupación de diversos espazos do centro (entrada, corredores, aulas, biblioteca…) co obxectivo de visibilizar unha realidade a miúdo oculta aos ollos da comunidade educativa.

O alumnado de 2º ESO, despois da lectura reflexiva da escolma de textos centrados na inclusión, creou un decálogo de convivencia que plasmou nun mural para o corredor do centro.

O alumnado de 3º ESO elaborou unha serie de murais por grupos nos que se recollían tanto as experiencias persoais de migración entre o alumnado, como algunhas propostas de acollida. 

O alumnado de 3º PDC, rematada a fase de investigación e reflexión, deseñou un conxunto de iniciativas, a modo de protocolo de acollida, dividido en dúas partes diferenciadas: propostas de autoorganización por parte do alumnado (accións que consideran que dependen completamente deles e delas), pero tamén demandas de recursos concretos destinadas á dirección do centro e á Administración.

O alumnado de 4º ESO realizou propostas de mellora dos espazos do centro, por exemplo: a creación dun espazo seguro, a ampliación da sala de xogos para o alumnado, a colocación de asentos nos corredores e no patio, situar no centro unha fonte e máquinas expendedoras de comida e material de papelería. Todo o alumnado de ESO cubríu unha enquisa para avaliar as distintas propostas realizadas e identificar as que tiñan mais apoio entre o alumnado. Finalmente trasladouse a investigación e as propostas ao Consello escolar do centro.

O profesorado participante creou unha Aula Virtual adicada á recompilación de materiais para o ensino de español, co obxectivo de centralizar os folgos á hora de recibir e acompañar ao alumnado migrante sen dominio da lingua española. Até o de agora, este labor recae en profesorado voluntario, non necesariamente especializado na materia.

Xogos Xogos 1 Xogos