Máis ca leña

2023

Movemento Veciñal Fousas ao monte | CMVMC O Fieitoso | C.E.P. Xosé María Brea Segade

ODS04 Educacion, ODS13 Accion Polo Clima, ODS15 Vida Ecosistemas Terrestres

Máis ca leña é un proxecto educativo e de transformación medioambiental do monte comunal de Taragoña, A Coruña, co que queremos amosar e promover os diferentes usos e aproveitamentos que ofrece o monte, máis alá da simple explotación madeireira, contribuíndo a mudar o modelo forestal actual por un máis sustentable.

Contacto | Facebook | Instagram

Os carballos arden mal

Segundo datos da Xunta de Galicia extraídos do Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (PLADIGA), o piñeiro e o eucalipto roldan xa o 70% da superficie forestal arborada galega, resultando, ao tempo, ser as especies máis afectadas polo lume ano a ano, contribuíndo cada campaña á perda de chan e biodiversidade dos montes galegos.

Multifuncionalidade ou morte

A eliminación de especies invasoras pirófilas (como a acacia, o eucalipto ou o piñeiro), e a reforestación dos espazos degradados con frondosas autóctonas ten diversas vantaxes:

  • axuda á fixación de CO²
  • protexe o chan
  • mantén a biodiversidade
  • contribue á preservación paisaxística

Pero non é suficiente. Faise preciso diversificar a explotación dos recursos que ofrece o monte, como marcan as tendencias actuais en materia de xestión forestal sustentable.

A gandeiría en réxime extensivo, a apicultura, a micoloxía, a extracción de cortiza, a resineiría ou o uso deportivo e social dos montes comunais, axudan a previr os lumes e mesmo poden actuar como motor económico e revitalizador da vida nas nosas aldeas.

Cadriño

Aulas fóra

No ano 2021, aliándonos coa CMVMC O Fieitoso e o C.E.P. Xosé María Brea Segade, creamos a área didáctica "Máis ca leña" no noso monte comunal, sendo premiado como un dos Proxectos Semente convocados polo Laboratorio ecosocial do Barbanza.

MÁIS CA LEÑA quere ser unha mostra das posibilidades que ofrece o monte veciñal no eido do desenvolvemento ambiental, económico e social das comunidades locais.

Dirixido principalmente a escolares de Ensino Primario e Secundario, en visitas guiadas a cargo do alumnado de 5° e 6° do C.E.P. Xosé María Brea Segade, as crianzas reciben explicacións detalladas sobre os diferentes usos e aproveitamentos que ofrece o monte ademais da producción de madeira de baixa calidade.

A través dun pequeno roteiro axeitadamente sinalizado con paneis informativos temáticos, as e os visitantes percorren as parcelas destinadas á producción de castaña, resinado de piñeiros, micoloxía, extracción de cortiza, gandairía caprina, apicultura ou mesmo poden coñecer a Paquita e Michel, dous animais que contribúen a manter limpa a contorna.

A implicación de toda a comunidade educativa fixo que o C.E.P. Xosé María Brea decidira introducir estes contidos como material e ferramenta didáctica, incorporándoa á plataforma e libro de educación dixital que emprega, E-DIXGAL.

O proxecto Máis ca leña procura deixar pouso nas novas xeracións. Entendemos que a educación en valores e prácticas medioambientais positivas cara o medio máis próximo é chave para o desenvolmento persoal en idades temperáns, contribuíndo a loitar contra o quecemento global e procurando unha sociedade máis responsable, xusta e mellor.

Roteiro 1 Roteiro 2 Sinalización 01 Sinalización 02