Sementando cidadanía: Social rural truck

2023

Xeracción S. Coop. galega

ODS05 Igualdade Xenero, ODS10 Reducion Desigualdades

O Social rural truck complementa a intervención dos servizos sociais comunitarios, facéndoos máis accesibles á poboación rural, cambiando a perspectiva: achéganse os servizos á xente en lugar de que a xente teña que achegarse aos servizos. Este cambio de perspectiva é importante nunha provincia como Ourense, na que a poboación caracterízase pola súa dispersión en pequenos núcleos.

Instagram 

A fenda no acceso aos servizos no rural e o peso dos coidados na vida das mulleres

Segundo o Padrón Municipal de Habitantes, Ourense conta co 11,3% da poboación galega: 305.223 persoas no ano 2021. Trátase da provincia galega con menos habitantes, na que ademáis hai unha perda constante, triplicando a media galega en perda de poboación. Así mesmo, a poboación con máis de 65 anos representaba no 2021 o 31,5% da poboación residente en Ourense, sendo a provincia española coa poboación máis envellecida.

As mulleres son o 52% da poboación, e o 14,4% teñen máis de 80 anos. Así mesmo, o mercado de traballo e a especializacion masculina no sector primario e feminina no sector servizos fai que as mulleres non se integren en igualdade de condicións: preguntadas polas razóns para non traballar a xornada completa é que non atopan este tipo de traballo, e de segundo indican que a dedicación aos coidados non lles permite dedicar ese tempo a unha profesión remunerada. A falta dunha rede pública suficiente para atender as persoas dependentes obriga as mulleres a facérense cargo a custa da precarizar a súa vida laboral.

Este panorama rural na provincia xustifica a necesidade de facilitar a accesibilidade cara os servizos dirixidos ao apoio ás mulleres e ás familias.

Os servizos teñen que ser movidos ás persoas e ás familias que os precisan, previndo o illamento social e apoiando a vida no rural

A pandemia da COVID-19 agravou situacións sociais límite que xa estaban presentes, revestíndoas dunha maior complexidade.  A COVID-19 puxo de manifesto a falta de recursos institucionais, o déficit de habilidades sociais das propias familias, as situacións económicas complexas, ás que no rural súmase a dispersión xeográfica. As persoas residentes nas zonas rurais ou descentralizadas da provincia de Ourense non teñen o mesmo acceso que as que viven nun núcleo urbano, provocando a centralización da poboación en torno ás cidades e o despoboamento e precarización do rural.

É necesario favorecer a inserción sociolaboral e benestar destas familias, proporcionando un espazo de apoio emocional. Fomentar o benestar e o crecemento persoal nas diversas etapas vitais, axundando a desenvolver estratexias persoais e colectivas para a resolución de conflitos. Potenciar o autocoñecemento e empoderamento das mulleres, en especial das supervivintes da violencia machista. Desenvolver a autoestima, asumindo a propia identidade, fomentando a empatía se queremos crear sociedades máis xustas. As persoas migrantes deben ter recursos que igualen, dotando de ferramentas de búsqueda de emprego e trámites administrativos. E é unha obriga do estado de benestar facilitar o acceso a recursos básicos de subsistencia.

Social Rural Truck achega un espazo seguro á porta de quen o precisa

A cooperativa de traballo asociado Xeracción está formada por un conxunto de persoas procedentes de diversos ámbitos da acción social (integración social, mediación social, traballo social e psicoloxía), implicadas no pulo do desenvolvemento comunitario.

A oficina móbil pretende achegar os servizos a onde sexa necesario, en especial en zonas rurais da provincia de Ourense. Consultas coa psicóloga ou a avogada á porta da casa, desprazamentos necesarios para intervencións específicas, e mediación de conflitos son os servizos máis habituais. Imos buscar ás mulleres nas casas do rural para achegalas ás asociacións ou locais onde facemos as actividadeas grupais. Así mesmo, realízanse entrevistas de orientación laboral, sesións de risoterapia en grupos reducidos, desprazamentos de ocio planificado polos grupos de autoapoio, todo ten cabida na nosa Social Rural Truck!

Equipo Xeracción