I Encontro rural autoxestionado de troca de saberes
ASC Entropía defínese como feminista, ecoloxista e antirracista. Conta coa cesión de dúas casas antigas na parroquia de Oca, A Estrada. A casa grande é un Centro Social Autoxestionado, onde desenvolvemos actividades educativas, culturais e lúdicas. Un dos seus fins sociais é a dinamización do medio rural a través da creación dun espazo de troca de saberes no cal preservar, transmitir e fomentar os coñecementos mediante a xeración de lugares inclusivos e tempos de encontro interxeracionais. Un espazo onde calquera persoa poida participar e aprender compartindo os seus saberes
Continuamos investigando sobre o rural galego de hoxe e a perda do noso patrimonio cultural.
Segundo o Instituto Nacional de Estadística a poboación galega atópase nos seus datos mínimos, no ano 2020 contaba con 2.701.819 habitantes, sufrindo un forte descenso dende o ano 2010 no que a nosa comunidade contaba con 2.797.653 habitantes.
“Xa hai 1.873 núcleos completamente deshabitados, un 74% máis que fai vinte anos (...) agardan 1.090 aldeas máis nas que xa solo vive unha persoa, segúndo datos do Instituto Galego de Estadística.” Fonte: Taboada, X. A., & Villar, C. (2022, 7 febrero).
Coa perda da poboación rural e coa consolidación de movementos modernos como a globalización tamén desaparecen as tradicións e os valores que conforman a cultura dun territorio, como reflexa unha das conclusións das Xornadas sobre despoboación e cultura tradicional celebrada en Segovia no 2019: “Ciertamente, encabalgada a la despoblación se ha producido una des- patrimonialización material e inmaterial.” Destas xornadas tamén destacamos que as novas iniciativas por conservar e dinamizar a vida nos espazos rurais son unha das esperanzas que emerxen para estes territorios: “Pero también ha habido y hay nuevos intentos de repatrimonialización. Y la patrimonialización ha adoptado otras formas, como la musealización, los talleres de experiencia, etc.”. Fonte: Jornadas sobre despoblación y cultura tradicional. Organizadas por UNED-Centro de Segovia, CSIC, Instituto González Herrero- Diputación de Segovia en Segovia, 3-4 de mayo de 2019.
Damos o seguinte paso
As persoas habitantes e voluntarias de Entropía vivimos día a día a realidade do rural galego e sentimos a necesidade de fomentar e crear novos espazos de aprendizaxe onde se compartan os novos saberes e se fomente a preservación e transmisión das tradicións culturais. Así naceu, no ano 2021, a idea do espazo de troca de saberes que conta cos seguintes obxectivos:
⦁ Dinamizar o medio rural, así como, a participación do desenvolvemento comunitario da contorna.
⦁ Recuperar o patrimonio, manter e aproveitar o espazo da finca, así como, conservar o patrimonio cultural e o medio natural.
⦁ Crear un espazo educativo libre e accesible a través da educación non formal e informal.
⦁ Fomentar espazos de encontro interxeracionais.
⦁ Fomentar a conservación e transmisións dos saberes tradicionais.
⦁ Fomentar o desenvolvemento sostible, a economía circular e a redución de refugallos: obxectivo 0 refugallos.
⦁ Creación dun espazo respectuoso entre as persoas e co medio
Mantendo as actividades habituais do espazo de troca de saberes a asemblea da ASC Entropía decidiu dar un paso mais para ampliar a influencia e facilitar o acceso ó noso proxecto. Creando un encontro aberto a todas as persoas e asociacións que compartan estes mesmo obxectivos.
Así mesmo, estamos de acordo co recollido na Convención para a Salvaguardia do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO na súa 32ª reunión, celebrada en París do 29/09 ó 17/10 do 2003.
As tradicións e saberes de cada rexión conforman a súa identidade e é fundamental recuperar e conservar cada unha delas para salvagardar a cultura dun territorio e polo tanto o crisol da diversidade cultural global e garantir o desenvolvemento sostible.
Vivimos o I Encontro rural autoxestionado de troca de saberes libertarios
O Encontro celebrouse durante a semana do 14 ó 21 de xaneiro do ano 2022. A organización foi autoxestionada, no primeiro momento correu a cargo do grupo da ASC Entropía preparando o espazo para acoller as persoas participantes, organizando as propostas que se recibiron con anterioridade e dinamizando a Asemblea Inicial. Nesta decidíronse as normas para a convivencia, os horarios das seguintes asembleas diarias e dos obradoiros, explicouse o funcionamento dos servizo comunitarios (como a cociña común), fíxose o reparto de tarefas para o día seguinte e atendéronse as novas propostas. A partir desta asemblea todas as persoas que formaron parte do encontro tamén actuaron como organizadoras.
Finalmente o encontro contou coa participación de máis de 200 persoas que se achegaron ó longo da semana. Dentro destas persoas atopáronse integrantes de 20 asociacións e grupos na súa maioría da comunidade Galega pero tamén de Euskadi contando con unha visita internacional chegada de Alemaña.
Realizáronse un total de 25 obradoiros e actividades, entre elas as seguintes: Obradoiro de fermentación de alimentos,
Obradoiros de creación de cosmética, Obradoiro de remedios naturais, Recollida de plantas comestibles, Teatro como ferramenta ecosocial, Obradoiro de Cerámica, Introdución a Permacultura a través do xogo, Extracción de hidrolatos, Circo e Malabares, Mandalas, Ioga, Preparación e colocación de vigas de madeira, Construción de baños secos, Arreglos de tellados, Obradoiro de talla en madeira, Roteiro por Entropía, Estratexias contra as agresións sexistas en espazos autoxestionados; Errekaleor, Euskadi; Loita e resistencia en Hambacher Forst, Hambi, Alemaña; Raíces con alas, Actuación de Píntega Sistema de Son, Actuación de Antón, Andainas.
É destacable a oportunidade de convivencia e aprendizaxe que proporciona a organización a través da autoxestión. Formáronse grupos de cociña, de limpeza, de recollida de leña, de dinamización de asembleas, e un sen fín de oportunidades para compartir traballo con persoas descoñecidas, nun principio, e con un fin común.
Cartel