Para educar a unha crianza é precisa a tribu enteira

2022

Aloumiños no bosque

ODS04 Educacion, ODS03 Saude Benestar, ODS11 Cidades Comunidades Sostibles

Aloumiños no Bosque é unha Asociación Socioeducativa formada por un grupo de familias e educadoras inmensamente comprometidas coa infancia e a natureza na cidade de Ourense. A partir desta asociación queremos promover o noso proxecto pedagóxico de educación na natureza, un proxecto de re-vinculación e re-conexión, cuio fin último é o achegamento da infancia á natureza.

Web | Facebook | Instagram

A desconexión das crianzas coa natureza

Como amante da infancia realicei o Grao en Educación Infantil pola universidade de Vigo. Tras a miña experiencia nun centro convencional descubrín que a metodoloxía empregada non coincidía ca miña idea do que é importante na educación das crianzas. Decidín baleirar a miña mochila e comezar un camiño de re-descubrimento e re-conexión con esa outra parte tan importante para min, a natureza. Ese camiño foi todo luz, o descubrir que era posible, que se estaba facendo, que existen persoas marabillosas desenvolvendo proxectos que vinculan a infancia e a natureza.

As crianzas están moi desconectadas da natureza. Agora, os nenos e nenas pasan horas fronte ao televisor ou detrás da pantalla dun teléfono ou unha tableta. O termo "déficit de natureza" foi acuñado por Richard Lou para designar este afastamento das novas xeracións da natureza, fenómeno derivado da expansión das urbes. A constante urbanización de áreas verdes, os avances tecnolóxicos, as redes sociais e outros factores, engrandecen cada vez máis a fenda entre os seres humanos e a natureza. Poucas son as que permanecen en constante conexión coas plantas, quen goza do silencio dos bosques ou da terra cos pés descalzos.

Natureza, infancia e xogo libre

O modelo pedagóxico de Educación na Natureza traballado pola Federación Edna, así como pequenas formacións ofrecidas por proxectos xa con moita experiencia neste modelo (Amadahi e Nenea) regaron esta pequena semente que estaba a piques de xermolar. Existía, por parte das familias ourensanas, o desexo e a necesidade dun espazo educativo diferente.

Chegou así a primeira xuntanza do proxecto onde despois de debatir e poñer en común as nosas inquedanzas, varias familias decidimos crear unha asociación que dera resposta ás mesmas.

Aloumiños no bosque

Xorde a Asociación socioeducativa Aloumiños no bosque, un espazo educativo diario e de xogo na natureza, no que desenvolvemos diferentes actividades.

O espazo de xogo na natureza é unha actividade diaria para crianzas de 2 a 6 anos, baseada no xogo libre e espontáneo da crianza. A través destas vivencias e dun acompañamento profesional e respetuoso as crianzas adquiren as súas aprendizaxes sempre en contacto coa natureza. Traballamos dende a curiosidade, o asombro, a creatividade innata de cada crianza, sempre dende a observación, a presenza e a escoita.

O grupo de xogo na natureza, por outra banda, é unha actividade para crianzas de 2 a 9 anos, onde o noso obxectivo é agasallar ao grupo de nenas e nenos que nos acompañan cada tarde con tempo para crear. Fora da boraxine que supón a escola e a vida diaria das familias, estas crianzas forman a súa tribu e crean, exploran, investigan, en definitiva sacan todo aquelo que precisan sempre baixo os pilares fundamentais do proxecto: xogo libre, acompañamento respetuoso e contacto directo coa natureza.

Ofrecemos tamén un campamento de inverno, primavera e verán inmerso na natureza para nenas e nenos de 3 a 12 anos. Nos nosos fermosos bosques aloumiñeiros conviviremos semanalmente grupos moi reducidos (ratio 1/8) experimentando e vivindo cada momento.

Tribu Aloumiñeira: xornadas puntuais para partillar en familia e con familia, inmersas na natureza. Descubrimos o verdadeiro xogo da infancia. Falamos de riscos, medos, inquedanzas, criamos en tribu!