Festiña das flores
A festiña das flores nace no ano 2021 impulsada polo Programa Participa, a Asociación Xaruma e Escola de Tempo Libre Xaruma coa colaboración de diversas entidades sociais do barrio de Teis, en Vigo baixo o lema ‘’ Por uns barrios coidados e que nos coiden’’. O obxectivo da Festiña das Flores é revindicar as rúas como espazo de encontro da veciñanza e loitar contra a desestigmatización, celebrando a diversidade
O barrio de Teis (Vigo)
A festiña das flores idéase como un encontro entre a veciñanza, as entidades e o comercio local. Trátase dun espazo que nace da inquedanza de diversas entidades situadas no barrio de Teis, en Vigo: Asociación Provivienda e Fundación Emaús a través do Programa Participa, Asociación Xaruma, Escola de tempo libre Xaruma, Colexio San Xosé da Guía, CEIP Vicente Risco, Asociación Grandes Amigos e o Roupeiro de Cáritas. Esta colaboración nace do afán por personalizar aos nosos/as veciños e veciñas ante o crecente individualismo e hermetismo actual nas relacións interveciñais, derivada de diferentes factores e potenciada se cabe aínda máis pola recente situación de pandemia mundial.
O outro pilar desta Festa e a de celebrar a diversidade que ten un barrio como Teis, poñendo o foco na loita contra a exclusión social e a desestigmatización de colectivos coma migrantes, persoas con necesidades especiais, etc. situando estas persoas nun rol protragonista e visible, sendo así tamén parte integral no desenvolvemento do evento.
A Festiña trata así de reivindicar os vínculos comunitarios que moitos de nós lembramos e que actualmente asócianse máis ao rural e non tanto as cidades. A través dunha xornada de festa e troula queremos apostar pola veciñanza e seguir tecendo as redes de coidados que hoxe en día se tornan máis cruciales que nunca para a saúde das persoas e comunidades.
Referencias:
Por uns barrios coidados e que nos cuiden
As relacións comunitarias no seo das cidades precisan de reforzo, coidado e fortalecemento. Por iso, as entidades que traballan diariamente no barrio idean a celebración da festiña das flores, cun plantexamento a medio - longo prazo. É dicir, precisamos coñecer as persoas (tanto características como necesidades) e os recursos existentes de Teis, para que nun futuro exista unha participación activa real. A Festiña das flores xorde deste desexo de recuperar os valores de comunidade que Teis sempre tivo, reforzando o movemento asociativo e as iniciativas sociais. Para facer todo isto, creouse un grupo aberto de barrio no que periódicamente reuníanse representantes de entidades, colexios e comercio local do barrio así como veciñanza e persoas voluntarias. Este foi o caldo de cultivo tanto para a diagnose, organización e execución do evento.
A Festiña das Flores é unha celebración localizada no parque do Barrio das Flores, cunha temática específica: as flores e as persoas. As flores son o símbolo deste barrio, e ademais comparten moitas características con nós: cariño, coidados, unión, cooperación, diversidade, cambio, os procesos… características que queremos superpoñer como símbolo desta Festa.
Esta festiña é organizada por diferentes entidades do territorio, mais preténdese que o protagonismo estea nas persoas que participan dela e, dende aí, xordan as novas ideas e iniciativas para seguir construíndo a Festiña das Flores. É por iso que o lugar de reunión é no propio parque, en aberto, invitando a que persoas do barrio se queiran unir. Tamén contamos co apoio do comercio local, parte importante para a difusión do evento. Durante as semanas previas, hai un gran traballo de empapelado de rúas, buzoneo de folletos e comunicación directa co comercio de Teis.
Quérese que A Festiña das Flores sexa un encontro recoñecido por toda a comunidade e polo resto da cidade, co obxectivo final de promover a participación da veciñanza neste proceso de desenvolvemento comunitario.
Celebramos a Festiña das Flores!
Que podemos facer para que as persoas se xunten? Pois unha troula! Na Festiña das Flores proponse un itinerario con actividades de entretemento, musicais e socioculturais dirixidas a toda a veciñanza: un bingo veciñal, unha banda de música, un pasarrúas, un espazo de costura comunitaria, un xardín dos sentidos, estampadoras, un grupo de radio que foi recollendo testemuñas das persoas participantes e un espazo libre para a cativada. Ademais, o evento foi decorado polo alumnado do CEIP Vicente Risco e recolléronse necesidades do barrio na “fonte dos desexos”. Unha xornada na que coñecer aos nosos veciños e veciñas.
Gustaríanos destacar que, na edición desenvolta en maio do ano 2022, o alumnado de 1º do ciclo superior en Integración social do colexio San José de la Guía participou na festiña cun posto informativo sobre o que ofrecen os ODS como proposta da axenda 2030 para promover un mundo e un futuro mellor.
As actividades foron propostas polas entidades colaboradoras, mais a tendencia será que estas partan dende as veciñas e os veciños que participan da festiña. Os primeiros anos son de asentamento e coñecemento, a partir de aí, xa todo empezará a fluír nun barrio cunha historia comunitaria tan forte.
A festiña das flores emprega o espazo público en beneficio da comunidade, favorecendo o encontro interxeracional e intercultural. Por uns barrios coidados e que nos coiden!
Cartaz Festiña das Flores