Campaña contra o furtivismo de bañador
O colectivo Mulleres Salgadas - Asociación Galega de Mulleres do Mar, puxemos en marcha unha campaña en redes sociais para concienciar sobre os efectos negativos do furtivismo, ao mesmo tempo que visibilizamos o noso traballo para que a cidadanía comprenda a gravidade do dano que esta práctica ocasiona a todo o sector do marisqueo.
O furtivismo é un dos maiores lastres do sector do marisqueo en Galicia
O furtivismo é a pesca ou o marisqueo sen permiso nin regulación ou, aínda contando con permiso, desenvolvela cando está prohibida. Trátase dunha práctica que non está suxeita á ordenación marisqueira e á lei de pesca e as súas consecuencias afectan a toda a comunidade a nivel económico, social e medioambiental.
En Galicia o furtivismo é unha lacra histórica para os recursos mariños, pois existe todo un negocio e mercado negro da práctica ilegal do marisqueo furtivo que pon en grave perigo a sustentabilidade do sector pesqueiro e marisqueiro profesional que se dedica legalmente á pesca e á extracción do marisco. Trátase dunha práctica moi difícil de controlar, pero que ten unhas consecuencias moi negativas para as mariscadoras locais. De feito, as extraccións ilegais de marisco foron identificadas como o principal perigo para o marisqueo galego, convertendo ao furtivismo nun fenómeno endémico e complexo en Galicia (Alló e Loureiro, 2017; Ballesteros e Rodríguez-Rodríguez, 2018; González Arias et al., 2011; Sequeiros, 1995) aparecendo na literatura especializada como “a lista que recolle un maior número e diversidade de apropiadores ilegais de vida animal”(Ballesteros, 2018, p. 167). Segundo a Consellería do Mar, o Servizo de Gardacostas de Galicia na loita contra o furtivismo, incautou en 2021 máis de 26.500 útiles e máis de 61.600 quilos de distintas especies de peixe e marisco.
Por tanto, a loita contra o furtivismo marisqueiro non é unha tarefa fácil nunha comunidade como a galega, que conta cunha liña de costa de 1.195 quilómetros. O seu litoral ten un total de 278 areais e 70 millóns de metros cadrados de zona intermareal que dan traballo a unhas 22.000 persoas que oficialmente faenan nas diversas modalidades de marisqueo. Este subsector enmarcado no sector pesqueiro é unha actividade vital para a economía galega xa que supón o 36% do PIB (Gutiérrez, 2011).
Os furtivos son moitos, heteroxéneos e actúan por diversas motivacións. Entre eles están os furtivos vacacionais, turistas e veraneantes que acoden ás zonas costeiras nas que colleitan exemplares para consumo propio en lugares de fácil acceso. O furtivismo de verán non deixa de causar danos nos bancos galegos de marisco. Trátase dun problema que se repite cada ano producindo grandes perdas ao sector e estraga todo o traballo anual das mariscadoras, quen ademais do traballo de preparar as praias para mariscar, como sementar, rarear, limpar e mariscar en si, teñen que engadir outro labor máis os últimos anos: a vixilancia das praias, que fan sen ningún tipo de remuneración, pero son obrigatorias e imprescindibles para protexer a semente de bivalvos e que lles ocupan boa parte do seu tempo libre.
Podes ver un documental sobre o furtivismo neste enlace.
Referencias BibliográficasO Mar é de tod@s. O marisco de quen o traballa
As consecuencias da extracción ilegal de marisco son numerosas. Por unha banda prexudica á economía con afundimentos do prezo dos recursos, promove a competencia desleal, desestabiliza os mercados, reduce os ingresos dos e das mariscadoras legais e consolida canles de venda no mercado negro. Por outra, esta práctica conleva tamén danos a nivel social xerando desemprego e malestar entre o sector que vive todo o ano deste traballo. E tamén ocasiona problemas medioambientais, como a sobre explotación dos recursos, a redución da existencia de especies e causa un forte impacto no ecosistema mariño.
As persoas expertas na materia consideran que un desenvolvemento sostible deste sector esixe unha boa xestión dos recursos, cada vez máis escasos e o furtivismo fai ineficaz a planificación das vedas plasmadas nos plans de explotación, xestión e recuperación, nos que cun ano de antelación fíxanse os días e os horarios de traballo, os topes de captura, os controis sanitarios, as tallas mínimas e as canles de comercialización.
Polo tanto o furtivismo non é un fenómeno neutral, é un delito grave e ademais constitúe un problema complexo que fai moito dano, polo que require da vontade e colaboración de toda a cidadanía para erradicalo.
Viñeta DavilaTraballarías gratis para protexer a túa oficina dos ladróns? Nós Mollámonos contra o furtivismo!!
A asociación Mulleres Salgadas - Asociación Galega de Mulleres do Mar, colectivo formado por mariscadoras, bateeiras, biólogas, patronas de embarcacións de recreo, titulares de empresas, traballadoras da conserva e outras moitas mulleres, puxemos en marcha unha campaña en redes sociais para concienciar sobre os efectos negativos que o furtivismo, tanto “profesional” como “de bañador” ocasiona á actividade marisqueira.
Durante a campaña, a través de publicacións en Facebook, Twitter e Instagram, visibilizamos o noso traballo para que a xente puidera comprender o dano que fai que se leve o marisco da praia. Pretendíamos que a cidadanía non vira só o marisco, senón todo o traballo, esforzo, dedicación e amor que hai detrás do noso traballo para sementalo, coidalo e que creza, que a xente se dea conta de que estamos loitando polo noso futuro.
Para iso elaboramos carteis de denuncia con diferentes tipos de mensaxes e imaxes reivindicativas, datos e preguntas que invitaban a reflexionar sobre o que supón o furtivismo para quen vivimos do mar.
Fotografía1 Mariscadoras Campaña Carteis Campaña Marisqueo Futivismo Marisqueo