Hip hop feminino El Salvador
O hip hop pode ser empregado como unha ferramenta para o cambio social, o activismo e a promoción da paz. Ao longo destes anos, Hip Hop Femenino El Salvador, foi forxando fortes lazos co movemento feminista, traballando con diferentes organizacións en actividades dedicadas á muller e á defensa do Dereitos Humanos, especialmente Dereitos Sexuais e Reprodutivos. O seu rap reflexa estas cuestións pero tamén aborda a represión social e a violencia que sofren como xóvenes no seu país
A realidade das mulleres que viven na República do Salvador
A República do Salvador caracterízase pola súa densidade poblacional, sendo esta a máis alta de Latinoamérica, así como pola xuventude desta poboación (o 54% é menor de 30 anos). Ademais, no ano 2017 foi cualificado como o país máis violento do mundo. No eido da política, dende 2019 goberna Bukele, do partido GANA, unha organización populista que rompeu o bipartidismo salvadoreño e que tomou nos últimos tempos unha deriva autoritaria ao entrar ao Parlamento con militares tras rechazarse unha proposta do partido. Dende a súa entrada no poder, a sociedade salvadoreña estivo cada vez máis militarizada ata que, no 26 de marzo de 2022, co pretexto do gran número de mortes violentas nese día, declara o Estado de Excepción no país, vulnerando os dereitos humanos da súa poboación.
A situación da muller no país é tamén moi complexa pola alta taxa de homicidios machistas e de violencia sexual cara nenas e adolescentes. Unha das consecuencias máis inminentes disto é o gran número de embarazos pre-adolescentes no país. Esta situación, sumada á absoluta penalización como delito criminal do aborto en calquera circunstancia, vulnera o dereito á vida e á saúde das nenas e mulleres salvadoreñas. A falta de dereitos sexuais e reprodutivos, a feminización da pobreza e a vulnerabilidade ante a violencia tanto estatal como das pandillas, fan do Salvador un dos países máis perigosos do mundo para as mulleres.
Na escena musical estas dinámicas machistas seguen a reproducirse en concertos e industria, sufrindo as artistas un constante acoso sexual e machista polos organizadores e colegas. No eido do Hip-Hop, o papel das mulleres artistas quedaba relegado á interpretación das estrofas líricas e melódicas, sendo os seus compañeiros os protagonistas dos grupos mixtos.
A cultura do Hip-Hop en xeral, e a música Rap en particular, naceron nos anos setenta nos barrios do Bronx e Harlem de Nova York como ferramenta contestataria e de protesta antes as situacións de vulnerabilidade e marxinación sufridas neles. Porén, a súa historia está tamén ligada á invisibilización da muller dende as súas orixes, como é o caso de Cindy Campbel, pioneira na organización de eventos de Hip-Hop eclipsada polo seu irmán Clive, coñecido como o pai do Hip-Hop.
No panorama da República do Salvador atopamos os primeiros grupos e composicións de Rap a finais dos anos noventa e as súas cancións abordaban temáticas violentas, machistas e ligadas ás pandillas salvadoreñas. Estas formacións artísticas, así como o seu público, estaban totalmente masculinizados, polo que non había representación feminina nin sobre os escenarios nin entre os seus oíntes. Unha das primeiras mulleres rapeiras neste eido no Salvador foi YezliMic, que comeza a súa andaina xa no ano 2011.
Observatorio saúde sexual El SalvadorO Hip hop como medio para canalizar mensaxes transformadores
Hip Hop Femenino naceu en 2015 coa iniciativa de xuntar a rapeiras para facer unha canción. Ao reunírmonos e conversar, decatámonos de que todas sufriamos o mesmo para chegar a ter un espazo na cultura. A cultura do Hip Hop n’O Salvador está moi dominada polos homes. Por iso naceu a iniciativa de crear espazos e festivais para mulleres. No camiño ata chegar ao que somos agora, coñecemos ás colectivas feministas e, con elas, conseguimos as ferramentas para empoderarnos. Empezamos a falar de temas como o aborto, a militarización, o dereito á auga... e foi así como naceu Hip Hop Femenino.
É un colectivo en constante relación co movemento feminista, xa que se apoian en cuestión de concertos, eventos, obradoiros... e nas marchas que se organizan. Facemos rebeldía pero con alegría. O movemento feminista foi quen nos brindou a información e educación para que levásemos o feminismo á arte, e non só nos dedicáramos a repetir cousas que non tiñan un porque. Sobre todo temos traballado coa Colectiva Feminista e as Amorales.
Creando espazos para mulleres e por mulleres no Salvador
Ante unha situación de vulnerabilidade como artistas, como mulleres e como xoves salvadoreñas, un grupo de rapeiras decide organizarse e crear o primeiro grupo de Hip-Hop feminino do Salvador no ano 2015. A súa misión é abordar temáticas controvertidas pero necesarias, coma os dereitos sexuais e reprodutivos, a militarización estatal ou as desaparicións e asesinatos machistas, promovendo unha cultura da paz e feminista.
Algunhas das súas accións como grupo pasan pola organización dun festival feminino de Hip-Hop no 2015, cantar ante a Asemblea Lexislativa do Salvador, obradoiros de empoderamento a través do Hip-Hop ou facer a banda sonora do documental “En deuda con todas”. A través do seu artivismo, este grupo de rapazas conseguiu un cambio de comportamento nalgúns dos seus colegas e achegados, así como conquistar un espazo feminino no Hip-Hop do Salvador tras anos de pedagoxía e activismo feminista.