Celebramos o día do consumidor (responsable)
Esta experiencia enmárcase na celebración do 15 de marzo: día do consumidor responsable. Para levar a cabo esta xornada no IES As Bizocas, colaboraron os departamentos de Xeografía e Historia, Bioloxía, Educación Plástica e Visual, Inglés, Educación Física, Matemáticas, Orientación e o Club de Lectura. Entre todas e todos, coñecimos os hábitos de consumo textil da comunidade educativa, procuramos alternativas máis responsables, e celebramos un mercadiño de roupa
Os hábitos de consumo téxtil entre o alumnado e profesorado do IES As Bizocas
Ante a inquedanza de coñecer as consecuencias do noso consumo sobre a roupa e os textís na comunidade educativa, organizamos unha actividade sobre o intercambio desigual no marco dunha economía global organizada coa ONG Solidariedade Internacional Galicia.
As titorías de todos os niveis educativos (de 1° a 4° de ESO) contestaron enquisas elaboradas polo alumnado de 4º ESO da materia de Valores Éticos, sobre o seu consumo téxtil. O alumnado foi informado con vídeos e unha presentación, da problemática do sector e as posibles solucións. En cada grupo indagouse nas posibles alternativas ao consumo rápido (fast fashion). Nun taboleiro expúxose tanto o resultado das enquisas como as alternativas propostas
Resultados enquisas profesorado Resultados enquisas alumnadoConsumo téxtil responsable: queda moito por facer
En canto a valoración que fixo o alumnado organizador da micro - experiencia, destacan:
1) Que foi unha experiencia que lles gustou e que aprenderon moito (sobre o consumo téxtil, sobre o útil que resulta esta iniciativa para reducir o consumo masivo de roupa, na propia montaxe da campaña e coa charla de GroveMakers).
2) Consideran que funcionou moi ben e que foi un éxito especialmente entre o alumnado de 1º, aínda que non tanto entre o alumnado de 2º e 3º. Esperan que nas sucesivas convocatorias mellore a participación neses cursos.
3) Observaron unha moi baixa participación do profesorado masculino e dos alumnos.
Organizamos un mercado de roupa de 2ª man
O alumnado levou a cabo unha recollida de roupa de segunda man ao longo dunha semana, e con todo este material celebraron o mercado de segunda man. Esta actividade foi dirixida polo alumnado de Valores Éticos de 4° de ESO, que se encargaron de recoller a roupa, facer os carteis, os vales para intercambiar as prendas e atender os postos de recollida. Contaron coa axuda do alumnado de 1º de ESO da materia de Valores para a clasificación da roupa e para facer os vales. Alumnos/as de 2º e 4º colaboraron na decoración de bolsas de papel reutilizadas e decoradas con papel reciclado.
Asi mesmo, contamos coa colaboración do colectivo GroveMakers (unha asociación de creadores grovense) para impartir ao alumnado de 4° unha charla sobre o traballo que realizan, no ámbito do téxtil sustentable, as marcas de artesanía local: Awa, Booksbag complementos e Carracuca. Nesta charla tamén se abordou o emprendemento colaborativo e socialmente responsable a partir da propia experiencia do proxecto GroveMakers.
Por último, ao final da micro – experiencia, incluímos o resultado das indagacións feitas polos diferentes grupos aula, con alternativas para mercar en empresas sostibles, xunto cun cartel co título "resultados da campaña" onde se explica o aforro de CO2 e auga que supuxo o intercambio destas prendas.
Presentación - Resultados micro experiencia de transformación social