Despégame do chicle
O alumnado e profesorado de Vilaboa decidimos investigar sobre un produto que consumimos habitualmente: as gomas de mascar, para ver se eramos quen de solucionar a problemática que xeran (lixo e sucidade); e ao mesmo tempo procurar alternativas nunha goma de mascar máis sostible, tanto na súa composición como na súa elaboración e produción
Cada goma de mascar que retiramos do chan cústanos arredor de 60 céntimos
Consultando fontes en liña sobre a goma de mascar e o impacto que xera, atopámonos cos seguintes datos:
A produción e venda de lambetadas, entre as que se contan as gomas de mascar, é un sector en crecemento en España. Os estudos da Asociación Española de Fabricantes de Caramelos e Chicles, sinalan que hai unha tendencia á alza no seu consumo, dado que se lanzaron ao mercado todo tipo de produtos, incluso como branqueadores de dentes.
Segundo os datos ofrecidos pola responsable da área de Medio Ambiente e Axenda 21, en España consúmense unha media de 3,5 quilos de goma de mascar por habitante.
A acción de lanzar a goma de mascar á rúa prodúcese decenas de miles de veces todos os días, provocando un salpicado de lunares negros e brancos en beirarrúas e prazas. Unha goma de mascar que se tira ao chan pode acumular ata 50.000 xermes e tarda uns 5 anos en degradarse. Ás veces tamén quedan pegados aos zapatos e despegalos convértese nun suplicio.
Segundo o concelleiro de Medio Ambiente, nas zonas céntricas da capital, especialmente en rúas e prazas de moito paso de persoas, atópanse entre 5 e 15 gomas de mascar por metro cadrado, sen contar espazos como os arredores de tendas de lambetadas e establecementos de comida rápida, onde a cifra se multiplica por tres.
O pavimento deteriórase considerablemente por mor do impacto da goma de mascar e dos produtos químicos que posúen e a cidadanía non somos conscientes do que nos custa ter que limpar este tipo de residuos. Retirar un chicle da rúa custa dúas veces máis que cando o compramos na tenda.
Limpar unha goma de mascar pegada ao chan custa uns 60 céntimos aos concellos, todo iso unido á mala imaxe que dá e o risco de que algúns animais o traguen. O director xeral de Inagra, Francisco Fernández Rico, sinala que segundo un estudo recente, o custo que tería a retirada da totalidade da goma de mascar que hai nas nosas rúas oscilaría entre 300.000 e 400.000 euros cada vez que se quixese limpar de forma completa.
Indagando na nosa contorna, atopamos que a maioría dos pupitres do colexio tiñan unha gran cantidade de chicles pegados no seu reverso, e decatámonos da gran cantidade de tempo que o persoal de limpeza do colexio adicaba a retiralos todos os veráns.
Existe unha goma de mascar natural e sostible?
Afondando máis, descubrimos que as gomas de mascar que consumimos en grandes cantidades e diariamente, conteñen plásticos na súa composición. Por iso,
decidimos procurar alternativas máis sostibles, tanto na súa composición como na elaboración e produción. Buscamos tamén unha maneira de poder reciclar o chicle que consumimos.
Descubrimos que na selva maya, desde fai xa mais dun século, se extrae unha goma de mascar dunha árbore chamada chicozapote, e que desde alí, unha cooperativa exporta esta goma de mascar orgánica. Os “chicleros” son as persoas encargadas de extraer a resina do chicozapote, subindo ás árbores con espolóns e machetes. Podedes ler máis aqui e aqui.
Ademais, informámonos sobre o proceso de produción dunha goma de mascar natural, e tamén descubrimos unha empresa que elabora recipientes para a recollida específica das gomas de mascar, podendo ser reciclado posteriormente.
Presentacion Contedores Goma de mascarDespégame do chicle!
Puxemos en práctica pequenas accións para reducir a goma de mascar como residuo no cole, e tratar de introducilo na cadea de reciclaxe. Atopamos unha ponte para difundir o que fomos aprendendo sobre a goma de mascar a través das escolas asociadas á UNESCO, e quixemos facer partícipe á Administración Local. Para iso, fixemos as seguintes accións:
- Unha exposición para sensibilizar na problemática da composición da goma de mascar e dos residuos que xera.
- Un obradoiro de elaboración dunha goma de mascar sostible.
- Dar a coñecer os chicles CHICZA, orgánicos certificados e biodegradables, 100% naturais, e elaborados de xeito sustentable na selva maya, producidos baixo os esquemas do comercio xusto.
- Enviamos un correo electrónico á empresa que elabora recipientes para a recollida da goma de mascar nos colexios. E realizamos un concurso de debuxo para o deseño do panel dos recipientes. Elaboramos carteis para promover o uso dos recipientes, que empregamos na campaña de promoción do uso do recipiente para tirar a goma de mascar no colexio, coa axuda do “voluntariado
verde”.
- Difusión do proxecto entre outras escolas, no Encontro de nenos e nenas das Escolas Asociadas da UNESCO.
- Entrega de recipientes no Encontro de Escolas Asociadas da UNESCO, as escolas que se amosaran interesadas anteriormente.
- Entrevista co alcalde e a concelleira de educación para suxerirlles que instalasen máis recipientes coma os que tiñamos no cole, nos parques e outros lugares de Vilaboa.
E para o futuro, temos aínda pendentes algunhas accións:
- Falar coa representante das escolas UNESCO da Facultade de ciencias da Educación e do Deporte, da universidade de Vigo, e co GREEN CAMPUS, en Pontevedra, para intentar que instalen tamén un destes recipientes e sensibilicen ao alumnado, futuros mestres e mestras, nesta problemática e fomentar un uso e consumo máis responsable deste produto.