Namasigüe: territorio libre de minería e fotovoltaicas

2022

Comunidade de Namasigüe, Honduras

ODS06 Auga Limpa Saneamento, ODS07 Enerxia Limpa Asequible, ODS09 Industria Innovacion Infraestrutura, ODS12 Producion Consumo Responsable

A comunidade de Namasigüe consegue a ratificación política dunha consulta popular sobre o seu propio territorio, desenvolta grazas ao traballo comunitario de lideres e lideresas, na que a maioría da poboación declara o seu territorio libre de minería e produción de enerxía fotovoltaica. Esta consulta vén provocada despois da sinatura de megaproxectos asinados con empresas internacionais cun gran impacto medio ambiental nas comunidades poboadoras

O 97 % da poboación de Namasigüe di "non" á minería e ás fotovoltaicas

O Congreso Nacional de Honduras no 2014 aproba, en situación de irregularidade, un conxunto de nove contratos de produción e subministro de enerxía fotovoltaica. Estes contratos forman parte dun megaproxecto chamado “Los Prados”, no municipio de Choluteca. Trátase dun proxecto asociado a unha empresa noruega que conta cun investimento de máis de 100 millóns de dólares e que abarca unhas 88 hectáreas de terreo salvaxe. Posteriormente, fírmanse as licencias de construción e se permite a concesión das terras á empresa por 40 anos máis 20 de permiso de subministro de enerxía.

As comunidades afectadas viron como os gobernantes e a empresa manipulaban á información da poboación de maneira que nunca sabían exactamente que era o que alí pasaba. Mais empezou a tala de árbores indiscriminada e a limitación do espazo das terras de cultivo. A pesar dos esforzos comunitarios, dúas das plantas solares saíron adiante e, o impacto ambiental do que tiñan medo comezou a verse no seu día a día.

A implementación de grandes zonas de placas solares, xunto coa deforestación do ecosistema ao redor da zona, facilita o aumento da temperatura na capa mais superficial do solo. De esta forma, os pozos naturais de auga, que xa son poucos e que se mantiñan pola protección das árbores, acabaron por reducirse e, con eles os pequenos ríos que se formaban nos territorios.

As familias que alí viven, que xa tiñan dificultades co abastecemento de auga limpa por tratarse dunha zona do Corredor Seco, opóñense totalmente á construción destes proxectos que non teñen en conta a súa voz.

A enerxía solar non é sempre tan limpa

As familias decidiron instalarse nun campamento de resistencia nos mesmos terreos que ían ser ocupados. Primeiro foron as mulleres, que xa viñan experimentando o desabastecemento de auga nas súas casas, e logo sumáronse homes e máis familias afectadas.

A resposta das autoridades ante este feito foi o desaloxo e a represión violenta en múltiples ocasións nos asentamentos. Foron levadas a xuízo cerca de 60 persoas e houbo varias mortes. As lideresas e lideres comunitarios foron e seguen sendo perseguidos pola defensa pacifica da súa terra e xulgados publicamente por medio de manipulacións e falsas acusacións.

Grazas a novas alianzas e apoios externos de asociacións ambientalistas e de Dereitos Humanos como a Red de Abogadas de Derechos Humanos e Abogados Sin Fronteras Canadá, moitas destas forzas activas puideron fechar os seus casos na xustiza hondureña.

As estratexias de loita e resistencia como as consultas e a participación da sociedade civil nas decisións que afectan a súa comunidade non é outra cousa que un dereito dos pobos. Dereito que, no caso dos conflitos medioambientais en Honduras, está a ser vulnerado sistematicamente.

Organízase unha consulta soberana

O 17 de novembro do 2019 os poboadores de Namasigüe organizáronse para levar a cabo unha consulta soberana. Á cidadanía maior de idade plantexábaselle esta pregunta: “¿Está usted de acuerdo en que haya plantas solares en el municipio de Namasigüe?. Como resultado, o 97,3% do municipio rexeitou a construción do megaproxecto “Los Prados” e declara o seu territorio zona libre de minería e fotovoltaicas.

Esta consulta foi organizada e seguida por lideres e lideresas comunitarias da zona que instalaron 31 furnas en 26 centros de votación tanto da zona urbana como no rural. Ademais, contaron co apoio do Centro Hondureño de Promoción para el Desarrollo Comunitario (CEHPRODEC) e outras organizacións afectadas do municipio de Choluteca. Este tipo de alianzas xa ven de demostrar experiencias pasadas positivas noutras zonas do país que sofren problemáticas semellantes, sendo esta consulta un exemplo de como fortalecer as comunidades dende os principios democráticos.

Para velar pola seguridade durante o proceso contouse coa participación de máis de 50 observadores nacionais e internacionais como defensores dos DDHH e a Oficina do Alto Comisionado de las Naciones Unidas para los Derechos Humanos (OACNUDH).

Finalmente, no ano 2021, o Alcalde viuse obrigado a ratificar esta consulta malia que as persoas afectadas advirten que estas ratificacións deben facerse cada tres anos para que sigan tendo validez.