Disipando a brétema das manifestacións artísticas en Galicia

2022

Espazo Brétema

ODS04 Educacion

Esta iniciativa pretende levar a arte máis aló das fronteiras académicas, informar sobre o que está acontecendo no panorama cultural galego e achegalo á poboación interesada neste ámbito. Creamos ferramentas das que aprender mediante a visibilización e o descubrimento de artistas galegos e galegas de todas as disciplinas

Web | Instagram | Youtube

Que espazos de difusión de arte hai en Galicia?

As e os artistas emerxentes atópanse practicamente sen opcións a hora de expor o seu traballo en medios que non sexan os propios. Segundo a conclusión da profesora Mª Dolores Villaverde Solar na súa comunicación para o X Congreso Virtual sobre Historia de las Mujeres “los/as artistas que deciden exponer en Galicia se encuentran con un problema: no hay dónde exponer este arte que se presenta a través de nuevos canales, pluralidad de enfoques, lenguajes de gran complejidad…, pues Galicia carece de centros de arte contemporáneo o salas de exposición específicas, y es una comunidad bastante conservadora en gustos artísticos.”

O inicio desta situación comeza dende a educación, na que non adoitan existir nomes de artistas da terra. A Historia da Arte apenas ten espazos nos estudos dos mozos e mozas pois a materia comeza e remata no bacharelato. Neste curto período de tempo, o profesorado debe adaptar unha materia moi extensa á proba de selectividade polo que pasan por alto tanto aos artistas natais como o papel das mulleres na arte. A problemática esténdese ao Grao de Historia da Arte, no que existen materias concretas de arte galega, pero que apenas se achega á actualidade.

Dende a nosa visión como mulleres novas e con inquietudes polas distintas manifestacións artísticas, percibimos que hai unha problemática a hora de difundir a arte que se fai en Galiza.

A arte galega tamén conta

A invisibilización das persoas galegas que traballan en distintas manifestacións artísticas fai necesario contar con movementos, espazos, ferramentas que conviden a visibilizar todo o potencial que existe en Galicia.

A produción artística na Galiza é ampla e moi interesante. Por iso se fai necesario saír na defensa dun colectivo que se atopa practicamente sen opcións á hora de expor o seu traballo en medios que non sexan os propios. Artistas emerxentes contan cun talento e unha formación que apenas se proxecta cara o exterior xa que hai unha falta de facilidades á hora da divulgación que favoreza a súa consagración. 

É importante crear iniciativas nas que se fale da arte da nosa terra e de artistas emerxentes que comezan cos seus proxectos artísticos, non só daquelas que teñen unha longa traxectoria. 

A reflexión abarca mais alá de pensar soamente nas manifestacións artísticas mais tradicionais como a pintura e a escultura, é importante dar voz a especialidades como a artesanía. Sempre foi considerada unha arte menor, un traballo manual con apenas importancia que conta cunha tradición arraigada a Galicia. Do mesmo xeito, tamén pretendemos dar a coñecer o mundo do cine e da fotografía, unhas especialidades máis actuais pero as veces esquecidas e relegadas do mundo artístico.

Faise necesario remarcar o concepto de identidade cultural no que incluímos a lingua galega, a que debemos recuperar e defender como un dos patrimonios inmateriais más valiosos de Galicia.

Xeramos un catálogo de artistas

Co fin de descubrir e visibilizar artistas galegos e galegas de todas as disciplinas creamos un espazo, o Catálogo de artistas, onde se pode visibilizar e consultar a riqueza artística de Galicia dende as artes plásticas, as visuais e as corporais. Neste catálogo poderemos atopar información de cada artista: a súa biografía, como é a súa produción artística e un análise da súa obra. 

Para amplificar a visibilización contamos con varias ferramentas ademais do catálogo na nosa web: as redes sociais como Instagram, Twitter e Youtube e os podcast mensuais.

Espazo Brétema comezou a contar co apoio de Radio Ames para a realización dun programa de radio mensual, o cal se converteu nun podcast dispoñible en varias plataformas, no que falar de arte e cultura en galego. O resultado son programas centrados en problemáticas actuais relacionadas co patrimonio, o contexto cultural de Galicia, ou recomendacións persoais que transcenden os limites territoriais da nosa terra. 

Destacamos o programa "Que pasa co patrimonio nun contexto bélico?" onde abordamos o concepto de patrimonio, todo aquelo que forma parte da nosa identidade como sociedade, un dos máis afectados cando un Estado é vítima dun conflito bélico. Neste podcast analízase, sendo conscientes de que os verdadeiros prexudicados son as persoas que viven ese contexto, o significado do patrimonio como compoñente identitario.