Bergondo en liña
Unha transformación dixital acelerada
A pandemia obrigounos a modificar de forma abrupta os nosos hábitos e rutinas. A famosa transformación dixital viuse acelerada dunha forma que era totalmente impensable hai case dous anos. Este proceso puxo de manifesto as grandes desigualdades en canto ao uso e manexo tanto por franxas de idades como por áreas xeográficas.
Estamos ante unha revolución: videoconferencias en tempo real, teletraballo, milleiros de aplicacións que axudan a estar en comunicación, contornas dixitais e virtuais. Este escenario fai que as profesionais dos Servizos sociais tiveramos que facer un grande esforzo de adaptación á era dixital e que desde o equipo de voluntariado municipal, en coordinación cos Servizos Sociais atendemos a chamada da tecnoloxía e buscamos facer fronte a este proceso de cambio e de transformación en relación ao noso traballo coa comunidade.
Este proxecto de humanización dixital xorde como consecuencia dalgunhas das reflexións derivadas da experiencia que vivimos durante o confinamento e posteriormente coa desescalada, o que supuxo unha inflexión na nosa forma de traballar, acostumadas a un contacto presencial e próximo coas persoas, nos estaban a impoñer a distancia social.
E pensamos... se nós tiñamos este tipo de dificultades... como estarían as persoas que normalmente atendíamos desde os servizos sociais? En concreto preocupábannos moito posibles situacións de illamento social, pola gran dispersión poboacional e polo alto porcentaxe de persoas maiores no noso concello; persoas en situación de dependencia, familias con nenos ou nenas que non podían seguir as clases virtuais do cole, as persoas con diversidade funcional etc.
Ante este panorama, entendemos que a tecnoloxía pode ser unha ferramenta que ben utilizada, axuda a paliar certas situacións de soidade ou illamento derivadas da crise social dos coidados e por suposto, máis aínda en tempos de pandemia.
O reto está en superar a fenda dixital, non toda a comunidade bergondesa pode acceder a internet ou non dispón duns coñecementos ou habilidades mínimos para facer un uso axeitado dela.
Educacion e tecnoloxía en tempos de pandemia Tecnoloxía DixitalDeseñamos un plan de acción para a capacitación dixital
O equipo de voluntariado de Bergondo, xunto coas profesionais dos servizos sociais, debemos intentar acabar ou reducir as desigualdades sociais existentes neste sentido, por ese motivo intentamos capacitar dixitalmente a diversos axentes sociais para que estes á súa vez o trasladen aos grupos máis vulnerables da nosa comunidade.
Tendo en conta que capacitar dixitalmente non consiste unicamente en aprender a controlar a tecnoloxía, ou ter coñecemento sobre o uso das ferramentas dixitais, significa humanizar, dar capacidade, empoderar á xente a través da tecnoloxía para que se relacione.
Agora ben, é certo que a tecnoloxía é unha moi boa ferramenta de traballo, que nestes momentos ademais nos axuda a chegar ás persoas, porén non poderá nunca substituír a presencialidade e a proximidade, a calor humana da relación máis directa.
O plan de acción en tempos de pandemia contempla as seguintes fases para a súa posta en marcha:
- Formación específica en capacitación dixital a diversos axentes sociais (equipo técnico dos Servizos sociais, equipo de voluntariado, comunidade en xeral interesada na formación)
- Proceso de traballo e formación dentro do propio equipo que supla as carencias formativas detectadas
- Organización en subgrupos dentro do equipo para elaborar actividades prácticas de simulación e adestramento previo á difusión de Bergondo en liña coa poboación xeral; desta forma, temos unha batería de actividades testadas e preparadas para poñer en marcha coa comunidade.
Podes ver aquí un vídeo dunha sesión de traballo e planificación.
Folleto Capacitación DixitalBergondo en liña
No mes de outubro de 2021 temos unha programación trimestral planificada e organizada para poñer en marcha coa comunidade bergondesa de forma xeral, e de xeito específico, achegámonos en primeira instancia, a persoas que consideremos poden ter maiores dificultades en relación as súas destrezas dixitais e con respecto á súa integración en actividades, que lles permitan establecer relacións sociais e veciñais.
Son participantes nun proxecto de ocio municipal dirixido a persoas con diversidade funcional e persoas residentes no Centro de Promoción da Autonomía Persoal do IMSERSO.
No marco da poboación destinataria das accións do proxecto de Bergondo en liña, as estratexias de promoción e difusión pretenden acadar a participación xeral da comunidade, así como tamén doutros grupos vulnerables como por exemplo as persoas maiores, que teñen a priori, maiores eivas no acceso e uso das tecnoloxías dixitais.
As accións que levamos a cabo foron sesións semanais de videoconferencia en aberto a toda á poboación.
- Falamos da importancia das aves que aparecen nos nosos xardíns. Colaborou con nós, Santiago Vázquez, ornitólogo da Asociación Hábitat quen nos contou por exemplo dos cambios que se están a producir nas migracións das aves por mor do cambio climático.
- Falamos sobre como facer unha boa reciclaxe.
- Da importancia do aforro enerxético en luz, auga etc.
- Coñecemos unha App para observar as estrelas e o Universo. “Stellarium”, que é un planetario ao que se pode acceder desde os ordenadores. Amosa un ceo auténtico en 3D, tal como o que se ve a simple vista, con prismáticos ou telescopio.
- Visitamos de forma virtual e interactiva diferentes puntos de interese no mundo (Pirámides de Exipto, museos internacionais etc.)
- No mes de febreiro traballamos sobre a poesía e sobre como creala e combinala cos vídeos.
- Clube de lectura do libro 6 cafés, etnografía dos coidados para tempos de pandemia.
Resulta preciso neste contexto a garantía dunha política activa por parte das autoridades políticas. En Bergondo apóstase pola modernización dixital realizando importantes investimentos (adquisición de dispositivos de conexión a internet, tablets, webcams, asesoramento e formación dirixida ao persoal municipal e á cidadanía etc.)
Boletín Informativo