Coñecendo o Comercio xusto
A través dun obradoiro da man de Solidariedade Internacional de Galicia, o alumnado do Centro de Educación Especial de Pontevedra achegouse ao comercio xusto dunha forma lúdica e atractiva e, para que ese coñecemento non se quedara na aula, fixeron un vídeo para comunicarllo ao resto da Comunidade Educativa e as familias.
Achegámonos ao Comercio Xusto
Un dos intereses do alumnado xira entorno a forma que temos de consumir produtos, e o impacto que ese consumo xera no medio ambiente. Chámanos a atención frases como “En caso de que la población mundial alcance los 9600 millones de personas en 2050, se podría necesitar el equivalente a casi tres planetas para proporcionar los recursos naturales necesarios para mantener los estilos de vida actuales”, que escoitamos repetida durante un tempo por representantes das Nacións Unidas, e preocúpanos. Por iso, queríamos aprender máis sobre como funciona o noso modelo de consumo, e atopar alternativas que, dende o local, podemos poñer en práctica.
A nosa forma de consumir fainos responsables coa pobreza doutros países
Unha vez enmarcado o problema do modelo actual de consumo, quixemos levar a cabo un obradoiro chamado “Quen quere ser millonario”, no que as compañeiras de Solidariedade Internacional de Galicia propuxéronnos xogar e aprender. No obradoiro reflexionamos sobre tres ideas:
Todos os días nos relacionamos con persoas que viven noutros países, polos produtos que consumimos. Traballamos con tres produtos que compramos / consumimos / usamos todos os días: cacao, roupa e teléfonos móbiles. Vimos que o cacao cultívase en países de América Latina como Nicaragua, que a roupa é cosida en Asia, en países como Bangladesh e as baterías dos nosos móbiles usan un mineral qchamado coltán, que se extrae en minas do Congo. Este material é tan necesario e importante para os aparatos electrónicos que está a provocar guerras.
Derivada da premisa anterior, démonos conta que todos estes países tiñan un característica en común, que son países pobres. Os traballadores/as seguen sendo pobres aínda que traballan, e buscamos o motivo e chegamos a conclusión de que non se lles pagaba o xusto polo traballo que estaban a facer. Tamén era difícil saír de esa pobreza se os nenos e nenas en vez de ir a escola teñen que traballar. Tamén ese empobrecemento está provocado polas guerras e conflitos de estes países, cando un país está en guerra é imposible que a súa xente saia de ese empobrecemento.
Rematamos coa idea de que se queremos contribuír a que esa situación de empobrecemento se minimice, todas e todos temos que facer algo, aínda que esteamos lonxe. Esa oportunidade, no la da reflexionar sobre o noso xeito de consumir, e o comercio xusto é esa ferramenta que nos axuda a loitar contra a pobreza dende aquí.
Compartimos co noso entorno que é o comercio xusto
Unha vez realizado o obradoiro, quixemos compartir coas familias as aprendizaxes que fixemos, xa que a cantas mais persoas cheguemos, mais grande poderá ser o cambio xerado no tecido local.
Por iso, elaboramos esta presentación, que enviamos á comunidade educativa, co obxectivo de achegarlles o comercio xusto e difundir os seus principios, animando á contorna do Centro a pequenos cambios no seu modelo de consumo, que favorezan melloras nas condicións laborais e sociais das persoas arredor do mundo.