Cámera Café
Esta experiencia desenvolvémola ao longo de dous cursos académicos como alumnado do Ciclo Superior de Integración Social do CIFP Compostela.
En 1º, traballamos a problemática da soidade non desexada no módulo de Metodoloxía da Intervención Social e, en 2º, continuamos profundando nela desde o módulo de Mediación Comunitaria. A partir deste achegamento, quixemos coñecer como esta realidade estaba presente no noso centro educativo. Para iso, realizamos unha investigación participativa mediante enquisas, entrevistas, observación e diferentes dinámicas grupais, que nos permitiron identificar situacións de illamento e a necesidade de crear espazos que favorecesen a convivencia e as relacións sociais.
Como resposta, puxemos en marcha un espazo dinamizado durante os recreos, pensado para acompañar, favorecer o encontro e crear vínculos a través de actividades lúdicas, participativas e inclusivas.
Radiografía dunha emoción oculta, a soidade non desexada en cifras
A soidade non desexada é un fenómeno social que afecta a persoas de todas as idades e caracterízase pola falta involuntaria de conexións sociais o que ten un impacto negativo no benestar emocional.
A nivel estatal, o Observatorio Estatal da Soidade Non Desexada (SoledadES, 2023) revela que o 21,3% da mocidade en España experimenta sentimentos frecuentes de illamento social. En Galicia, o Barómetro de 2024 indica que 19,8% da poboación sofre esta problemática, abordada pola Estratexia galega específica.
Autores como Peplau e Perlman (1982) definen a soidade como a experiencia desagradable por relacións deficientes. Cacioppo e Cacioppo (2018) vinculan a soidade crónica con efectos negativos na saúde, e Cohen e Wills (1985) sinalan que a falta de apoio social afecta o rendemento e a capacidade de afrontar o estrés.
No curso 2024/25, no marco do módulo e Metodoloxía da Intervención Social do 1º curso do CS de Integración Social, fixemos un estudio no CIFP Compostela co alumnado dos ciclos formativos da familia de Servizos Socioculturais e a Comunidade (conformado por un 89’7% de mulleres) con instrumentos como enquisas, entrevistas, historias de vida, observación e mapeo social e obtivemos como resultado que o 74’1% das personas enquisadas adoitan sentirse sóas con frecuencia, asociando este sentimento a factores como a saúde mental, o xénero ou o racial. O 53’4% de estas persoas manifestan desexos de ampliar o seu grupo social e o 50’9% expresaron que lles gustaría poder recibir apoios extra tanto da súa familia, como do seu grupo de amizades ou profesional por parte dun profesional do ámbito psicolóxico.
Ademáis, no curso 2025/26, ampliouse toda esta información mediante dinámicas que se fixeron con varios grupos de todo o centro e que se usaron para obter datos e poder elaborar un mapeo e fotovoz e que refrendaron que, no noso centro, o alumnado considera que non existen espazos que favorezan a socialización.
A soidade non desexada no CIFP Compostela: fenómeno individual ou cuestión estrutural?
A partir das investigacións e dinámicas que realizamos no CIFP Compostela, puidemos comprobar que a soidade non desexada é unha realidade presente entre o alumnado do noso centro. Os datos obtidos nas enquisas, entrevistas, historias de vida, observacións e actividades de mapeo social e fotovoz leváronnos a reflexionar sobre como moitas persoas viven os espazos educativos desde o illamento, a desconexión emocional ou a dificultade para crear vínculos significativos.
Ao analizar os resultados, entendemos que a soidade non desexada non é unha cuestión exclusivamente individual, senón un fenómeno influído por factores sociais, culturais e estruturais. Observamos que aspectos como o xénero, a orientación sexual, a saúde mental, a situación socioeconómica ou a pertenza racial poden condicionar as relacións sociais e aumentar as posibilidades de exclusión ou illamento. Ademais, reflexionamos sobre como determinados estereotipos e mandatos sociais dificultan expresar emocións, pedir axuda ou sentirse parte dun grupo.
As dinámicas realizadas durante o curso 2025/26 tamén puxeron de manifesto unha necesidade compartida polo alumnado: a falta de espazos seguros e inclusivos dentro do centro que favorezan a convivencia, o acompañamento e a socialización. Moitas persoas expresaron sentir que os recreos podían converterse en momentos de incomodidade ou soidade, especialmente para quen non conta cun grupo de referencia ou presenta dificultades para relacionarse.
Esta realidade levounos a reflexionar desde unha perspectiva de dereitos humanos, entendendo que todas as persoas teñen dereito ao benestar emocional, á participación social e a desenvolver relacións seguras e significativas. Consideramos que a saúde non debe entenderse unicamente como a ausencia de enfermidade, senón tamén como a posibilidade de sentirse acompañada, integrada e recoñecida dentro da comunidade educativa. Neste sentido, a problemática da soidade non desexada relaciónase directamente co dereito á igualdade, á non discriminación e ao benestar recollidos na Nacións Unidas Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Ao mesmo tempo, identificamos unha clara conexión entre esta problemática e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. En concreto, co ODS 3, centrado na saúde e o benestar emocional; co ODS 4, que promove unha educación inclusiva e de calidade; e co ODS 10, orientado á redución das desigualdades. Consideramos que os centros educativos deben ser espazos capaces de garantir non só a aprendizaxe académica, senón tamén o coidado emocional, a participación e a creación de redes de apoio.
Como alumnado de Integración Social, chegamos á conclusión de que é necesario impulsar intervencións comunitarias que favorezan relacións máis humanas, inclusivas e participativas. Crear espazos de encontro e convivencia pode contribuír a reducir situacións de illamento e fortalecer o sentimento de pertenza do alumnado, promovendo unha comunidade educativa máis igualitaria, diversa e comprometida co benestar colectivo.
Un espazo para loitar contra a soidade non desexada
Esta acción naceu da necesidade de dar resposta a unha realidade que identificamos no CIFP Compostela: a presenza de situacións de soidade non desexada entre parte do alumnado. A través das investigacións previamente realizadas, puidemos comprobar como moitas compañeiras e compañeiros experimentaban os recreos e os espazos comúns desde o illamento, a falta de pertenza ou a dificultade para crear vínculos significativos.
A partir das conclusións obtidas, o alumnado de 2º de Integración Sociall, decidimos crear un espazo pensado para acompañar, acoller e conectar. Deseñouse así unha zona de recreo e convivencia con actividades lúdico-educativas, dotada de mobiliario accesible, unha área de autorregulación emocional e un armario con chave para gardar os materiais empregados nas dinámicas.
Organizámonos en grupos de catro persoas para asumir quendas de acompañamento durante os recreos, de martes a venres, entre as 12:00 e as 12:30 horas. Desta maneira, garantiuse a presenza constante de persoas referentes que dinamizasen o espazo e favorecesen un clima de confianza, respecto e participación.
As actividades propostas tiñan como finalidade principal converter este espazo nun lugar seguro e acolledor, onde calquera persoa puidese sentirse acompañada, escoitada e integrada. Procurouse especialmente ofrecer unha alternativa ao alumnado que non contaba cun grupo co que compartir o tempo de lecer, creando oportunidades reais para establecer relacións, expresar emocións e vivir experiencias compartidas.
Para conseguilo, desenvolvéronse múltiples dinámicas adaptadas aos intereses e necesidades do alumnado: ruletas con preguntas para fomentar a conversa, xogos de mesa cooperativos, actividades de diálogo e coñecemento mutuo, así como propostas plásticas e artísticas orientadas á expresión emocional e á creatividade. Máis alá do entretemento, cada actividade buscaba construír vínculos, favorecer a participación e transformar os recreos nun momento de encontro, pertenza e benestar colectivo.
Dossier fotográfico
