Mapeo da cidade de Compostela
Levamos a cabo un rexistro colectivo e colaborativo de diferentes datos e puntos de interese para as veciñas de Compostela: multipropiedades, espazos okupados, vivenda turística e veciñas en risco de desafiuzamento.
A crise de vivenda en Compostela
Santiago de Compostela conta con 99.536 habitantes (2024) e 56.746 vivendas (2021), concentradas no núcleo urbano. Un 17% delas estaban baleiras en 2011, cifra que mellorou até o 10,92% en 2021. Os prezos do aluguer son máis elevados no Ensanche e zonas novas (máis de 10€/m²), e o mercado está dominado pola vivenda de segunda man (84% en 2019). Os problemas máis frecuentes nas vivendas son de accesibilidade (38%), humidades (22,84%) e illamento (22,12%). O turismo masivo agrava a situación: en 2019 chegaron 800.000 viaxeiros, oito veces a poboación, provocando suba de alugueres, xentrificación e presión sobre veciñanza e estudantado. As VUT oficiais reducíronse de 1.240 (2018) a 499 (2025). O escenario é preocupante e a veciñanza ano tras ano se mobiliza cada vez máis; por exemplo, o 5 de abril do 2024 houbo unha multitudinaria manifestación na cidade, que se pretende replicar o vindeiro 6 de xuño, coordinadamente co resto de cidades galegas.
Imos seguir aguantando os ataques do rendismo e o capital?
A comarca de Compostela áchase inmersa no contexto de crise da vivenda deste século, sufrindo concretamente pola turistificación e a xentrificación, polas multipropiedades tanto de fondos boitre e grandes empresas como de caseiros con 10, 15 ou 20 pisos en aluguer; e pola infravivenda e o pésimo estado dalgúns dos nosos barrios.
As colectivas sociais, políticas e culturais, compostas pola veciñanza organizada, deben se-las protagonistas da batalla que temos que dar contra o rendismo, o turismo e, en xeral, o capital. Este é un movemento interxeneracional, xa que afecta á mocidade e estudantado, a familias traballadoras e a maiores que se vén expulsadas da cidade cara a áreas limítrofes ou cara a vivendas e barrios cuxa salubridade é dubidosa.
Creamos un espazo de traballo colaborativo sobre a vivenda
Dende a Xuntanza pola Vivenda de Compostela, composta por veciñas e compañeiras da comarca, organizamos un espazo de posta en común de información no que puidésemos mapear a cidade. Participaron colectivas e movementos como a asociacións venciñais, Alvariza Colaborativa, CMS, Podemos Compostela, Sumar Compostela e outras organizacións; pero, sobre todo, colaboraron veciñas con información sobre os seus barrios e vivendas.
A actividade consistiu nun período de traballo en pequenos grupos para designar os eixos nos que se categorizaría a posteiori a información. Logo, sobre un mapa da cidade e partes das áreas periurbanas, fomos introducindo progresivamente calquera dato que as colectivas considerasen interesantes: multipropiedades, desafiuzamentos en curso, proxectos veciñais e culturais...
Esta actividade serviu á vez como acción de encontro e coordinación de colectivas locais, e como fase de análise para futuras accións cada vez máis concretas e estratéxicas.

