Cambio climático: somos o problema e podemos ser a solución

2026

IES Carlos Casares

ODS04 Educacion, ODS13 Accion Polo Clima, ODS15 Vida Ecosistemas Terrestres

Neste proxecto pretendemos coñecer de primeira man se o cambio climático é un mito ou non. Non nos conformamos co que podemos ler nos medios, iso pode ser unha pista. Queremos realmente contrastar a hipótese: “o cambio climático existe”.

Pretendemos ademais facer unha análise en cifras dos incendios forestais que arrasaron a nosa provincia (Ourense) e limítrofes (Lugo, León, Zamora) durante a segunda quincena de agosto de 2025, así como analizar se hai algúnha relación entre estes dous aspectos, cambio climático e incendios forestais.

Vinte anos de clima en Viana do Bolo

Buscamos información en diferentes webs, organizándoa, léndoa e contrastándoa. Traballamos básicamente en dúas liñas: incendios forestais e histórico de datos sobre climatoloxía.

En canto a incendios forestais, interésanos toda información referente á provincia de Ourense, e non soamente de agosto de 2025, tamén previos. Queremos investigar sobre número de focos, hectáreas arrasadas… ao longo dos últimos anos.

Referente ao histórico de datos sobre climatoloxía, e para poder concluír se a nosa hipótese de cambio climático é certa ou falsa, procuramos datos estatísticos da provincia dos últimos anos, cantos máis mellor. Buscamos, concretamente, datos referetes a temperaturas (mínimas e máximas) e precipitacións, que son as dúas variables que se estudan nos climogramas para determinar o clima correspondente a unha rexión do planeta.

Para organizar toda a información, contamos cun espazo específico na nosa aula virtual, con foros de participación para compartir opinións, enlaces de interese e outra información, e tamén cunha folla de cálculo compartida para ir organizando os datos que máis nos van interesar para a nosa investigación.

Os datos non minten, o clima cambia

O verán pasado está moi vivo aínda na nosa mente, a nosa zona sufriu unha vaga de incendios sen precedentes. Analizamos informacións referentes a todo o pais e comparámolos co contexto da nosa provincia.

Buscamos preto de 1000 datos sobre temperaturas mínimas e máximas mensuais así como de precipitacións rexistrados na estación meteorolóxica de Viana do Bolo (Meteogalicia) e as conclusións son claras. As temperaturas medias mensuais aumentan preto dun grao nos últimos vinte anos, especialmente en verán e no caso das máximas.

No noso informe tamén recollemos estatísticas sobre precipitacións en forma de neve (Infonieve), que son as “reservas” de recursos hídricos ao irse filtrando pouco a pouco á capa freática. A realidade é clara: nos últimos 10 anos non soamente caen menos precipitacións en forma de neve, tamén hai menos días con este tipo de fenómeno climatolóxico. Neste tempo pasamos de case un mes de nevadas intensas en Cabeza de Manzaneda (1800 m.) a apenas unha semana, reducíndose aínda máis estas cifras en cotas máis baixas (1000 m).

Estamos ante un cambio importante no clima, especialmente en cuestións de aumento de temperaturas e redución de precipitacións en forma de neve. Intúese un cambio do clima continental ao oceánico, e se a tendencia continua, ao subtropical. Este caldo de cultivo pode favorecer perfectamente o aumento no número de focos de incendios e macroincendios.

Co lume non se xoga

Marcámonos dous obxectivos na campaña de acción. Dunha banda, concienciar dende o visual, dende a realidade, e con mirada cara ao futuro. Doutra banda, necesitabamos expresar todos os sentimentos de raiba, frustración, incomprensión... que nos acompañaron o verán pasado (agosto 2025). 

Foi así que decidimos crear diferentes campañas de información, a través de deseños realistas e mensaxes claras. A través do programa Polos Creativos, no que participa o noso centro dende hai xa tempo, fixemos realidade os deseños, e están en marcha a creación de pegatinas, camisetas, chaveiros, chapas... e outro tipo de material para distribución entre a poboación coa finalidade non só de sensibilizar ante o cambio climático e as súas consecuencias (proliferación de macroincendios), tamén para que a xente se una directamente á nosa acción.

E por outro lado, elaboramos dous documentos nos que expresamos como somos e como sentimos: unha curtametraxe na que damos boas razóns para non xogar con lume, e un poema ao que puxemos música a través dunha plataforma de IA (SUNO) e que agardamos que a xente escoite, comparta e actúe en consecuencia.

Indicamos tamén que está prevista a participación de membros do equipo (docentes, alumnado...) nunha mesa redonda que se celebrará o 13 de xuño na Rúa, concretamente na Fundación Florencio Delgado Gurriarán, con motivo das Xornadas Culturais 2026 “Presente e futuro do monte en Valdeorras”.