Fálame a min!

2026

Asociación Down Pontevedra "Xuntos"

ODS05 Igualdade Xenero, ODS10 Reducion Desigualdades

Mozos e mozas participantes da Asociación Down Pontevedra “Xuntos”, no marco do proxecto “Promovendo Liderados Xuvenís Transformadores” de Solidariedade Internacional de Galicia, reflexionamos sobre a discriminación e as desigualdades que afectan a distintos colectivos e tamén ás nosas propias vidas. A través de dinámicas participativas, analizamos diferentes situacións inxustas presentes na sociedade e, como resposta, decidimos crear unha curtametraxe para sensibilizar sobre a importancia do respecto, da inclusión e da igualdade de trato cara as persoas con discapacidade.

Que limita a nosa participación?

Comezamos reflexionando sobre a participación social e sobre como nós, como mozos e mozas, podemos exercer un papel activo na sociedade e implicarnos nas problemáticas que máis nos preocupan. 

Identificamos a discriminación como unha realidade que afecta a milleiros de persoas en todo o mundo. Isto é algo que nos preocupa especialmente pola súa presenza no noso día a día, limitando a nosa participación plena na sociedade, afectando ás nosas oportunidades, relacións sociais ou á forma en que outras persoas se dirixen a nós. 

A través de dinámicas grupais e do visionado de curtametraxes, abordamos distintos tipos de discriminación e como esta problemática afecta tamén a outros colectivos vulnerables.

Este proceso permitiunos comprender que moitas das inxustizas que vivimos están conectadas cunha realidade global baseada en prexuízos e desigualdades, situando a nosa experiencia persoal nun contexto máis amplo.

Da reflexión á acción contra a discriminación

Afondamos na problemática da discriminación a través de debates e reflexións colectivas arredor das curtametraxes visualizadas e de experiencias persoais propias. Compartimos opinións, experiencias e puntos de vista sobre as diferentes formas de discriminación que existen na sociedade e sobre como afectan á vida das persoas.

Realizamos unha dinámica de “árbore de problemas” para identificar causas e consecuencias, comprobando que a discriminación non aparece illada, senón que está ligada a prexuízos, desigualdades e barreiras sociais que limitan dereitos e oportunidades de moitas persoas.

Tamén foi o momento para pensar no “futuro desexado”: un mundo máis xusto e inclusivo, no que non exista discriminación e todas as persoas sexan tratadas con respecto e igualdade. 

A partir desta análise, pensamos accións concretas que puideramos levar a cabo para visibilizar a problemática e promover unha sociedade máis inclusiva.

Fálanos a nós, falamos nós

Decidimos que nós, como persoas que vivimos situacións de discriminación, queriamos facer algo para sensibilizar e concienciar sobre como determinadas actitudes afectan á nosa vida e á de moitas persoas.

Inspirámonos en campañas previas para pensar como transmitir a nosa mensaxe de forma creativa e cercana. Realizamos unha choiva de ideas identificando situacións reais vividas por nós, escollendo aquelas que queriamos mostrar na curta e de que maneira queriamos facelo.

Coas ideas recollidas, elaboramos un guión e comezamos a preparar as escenas. Gravamos diferentes vídeos no noso día a día e puxemos voz ás mensaxes que queriamos transmitir.

O título da nosa curtametraxe. “Fálame a min”, reflicte a mensaxe central, unha mensaxe clara para as persoas que nos infantilizan ou discriminan: somos persoas adultas, que merecemos respecto e un trato igualitario, non deas por feito que non podemos facer algo sen sabelo.

A través desta curtametraxe buscamos dar visibilidade ás situacións de discriminación diarias e promover unha sociedade máis respetuosa e inclusiva, poñendo en práctica a nosa participación social e sendo protagonistas do proceso en todas as súas fases.