Voluntariado para combater a discriminación
Mozos e mozas participantes da Asociación Down Lugo, no marco do proxecto “Promovendo Liderados Xuvenís Transformadores” de Solidariedade Internacional de Galicia, reflexionaron sobre a participación social e sobre aquelas problemáticas que máis lles preocupan da sociedade actual.
A discriminación foi identificada como unha realidade que afecta a moitas persoas e colectivos vulnerables. A través de distintas dinámicas, analizaron as causas e consecuencias e, como resposta, decidiron realizar accións de voluntariado comunitario con infancia vulnerable e persoas maiores.
Pode a participación transformar o mundo no que vivimos?
Nesta fase reflexionamos sobre a participación e sobre aquelas situacións da sociedade que máis nos preocupan. A través do diálogo, das nosas experiencias persoais e da visualización de curtametraxes e vídeos, identificamos a discriminación como unha problemática que afecta a milleiros de persoas en todo o mundo.
Como persoas con discapacidade intelectual, analizamos tamén como esta realidade nos afecta directamente no día a día, limitando en ocasións a nosa participación plena na sociedade. Ademais, reflexionamos sobre que a discriminación tamén afecta a outros colectivos vulnerables por diversos motivos: xénero, orixe, diversidade cultural, orientación sexual, situación económica...
Esta reflexión colectiva permitiunos comprender como unha problemática presente no noso contorno máis próximo está tamén conectada cunha realidade global.
A discriminación: unha realidade con moitas causas
Nesta fase afondamos na problemática da discriminación a través de debates e reflexións colectivas arredor das curtametraxes visualizadas. Compartimos opinións, experiencias e puntos de vista sobre as diferentes formas de discriminación que existen na sociedade e sobre como afectan á vida das persoas.
Ademais, realizamos unha dinámica de “árbore de problemas” na que identificamos as principais causas e consecuencias da discriminación, partindo de toda a investigación previa realizada durante o proxecto. Esta actividade permitiunos comprender que a discriminación non aparece de maneira illada, senón que está relacionada con prexuízos, desigualdades e barreiras sociais que limitan a participación e os dereitos de moitas persoas.
Tamén foi un momento para imaxinar o futuro que queremos construír: unha sociedade máis xusta e inclusiva, onde todas as persoas sexan tratadas con respecto, teñan os mesmos dereitos e poidan participar en igualdade de condicións, independentemente das súas características persoais.
Facemos voluntariado por unha sociedade máis inclusiva
Como resposta á problemática traballada, decidimos desenvolver diferentes accións de voluntariado comunitario. A través desta iniciativa, dedicamos o noso tempo e participación a colaborar de maneira activa con persoas e colectivos do nosa contorna.
As accións céntranse especialmente en dous colectivos vulnerables que poden sufrir situacións de discriminación ou exclusión social: a infancia e as persoas maiores. Da man de dúas entidades locais, establecemos alianzas para participar en actividades relacionadas co acompañamento para combater a soidade, a participación en espazos de ocio alternativo e o desenvolvemento de dinámicas que favorecen o benestar e a psicomotricidade.
Con esta acción non só buscamos contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas coas que colaboramos, senón tamén reivindicar o papel activo das persoas con discapacidade intelectual na sociedade. A través do voluntariado demostramos que todas as persoas podemos participar, implicarnos e contribuír a unha sociedade máis xusta e inclusiva.

