DemocraZia con Z: Tecendo rede para a participación xuvenil en Galicia

2026

Consejo de la Juventud de España

ODS10 Reducion Desigualdades, ODS11 Cidades Comunidades Sostibles, ODS16 Paz, Xustiza e Institucions, ODS17 Alianzas

No marco de DemocraZia con Z, impulsamos en Galicia un proceso participativo entre entidades e mocidade para fortalecer a representación xuvenil, a incidencia política e a construción democrática colectiva.

web | instagram | facebook | tiktok

Galicia segue sen un órgano xuvenil representativo propio

Tal como recolle o artigo 48 da Constitución Española, os poderes públicos deben “promover as condicións para a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento político, social, económico e cultural”. Así mesmo, o artigo 4 do Estatuto de Autonomía de Galicia establece a obriga dos poderes públicos galegos de “facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social”.

Porén, Galicia non conta actualmente cun Consello da Xuventude autonómico independente e con personalidade xurídica propia como si existe noutras comunidades autónomas. O antigo Consello da Xuventude de Galicia foi eliminado tras a aprobación da Lei 6/2012, sendo substituído polo Consello Asesor e Consultivo da Xuventude, órgano dependente organicamente da Administración autonómica e designado por decreto da Xunta.

Ao longo do proceso participativo detectáronse múltiples necesidades compartidas pola mocidade galega: falta de espazos reais de participación política, ausencia dun censo actualizado e accesible de entidades xuvenís, dificultades para acceder a subvencións e programas públicos, burocracia excesiva, escasa coordinación entre administracións e entidades, falta de apoio ao rural, problemas de vivenda, saúde mental e precariedade xuvenil.

Tamén se sinalou que programas como Iniciativa Xove, aínda sendo valorados positivamente, presentan limitacións para colectivos pequenos sen liquidez económica suficiente, especialmente cando as resolucións chegan tarde ou os procesos administrativos resultan complexos.

Diversos estudos do INJUVE, CIS e 40dB alertan ademais do aumento da desafección política xuvenil e do crecemento dos discursos antidemocráticos entre a mocidade, facendo especialmente relevante fortalecer espazos democráticos de representación e participación activa.

Que espazo ocupa realmente a mocidade nas decisións?

A mocidade participante coincidiu en que Galicia precisa avanzar cara modelos de participación máis horizontais, vinculantes e sostidos no tempo. Existe a percepción de que boa parte das políticas de xuventude continúan funcionando nun modelo “de arriba abaixo”, onde a mocidade actúa principalmente como receptora de actividades e non como suxeito político activo na toma de decisións públicas.

Neste contexto, a inexistencia dun órgano xuvenil independente deixa a Galicia sen representación estable nalgúns espazos de interlocución estatal e europea vinculados á participación xuvenil organizada. Nun territorio con lingua, cultura e realidade social propias, a mocidade considera importante poder trasladar directamente as súas necesidades e propostas tanto á Xunta de Galicia como a outros espazos de participación estatal e internacional.

Durante os espazos de traballo xurdiron conceptos moi repetidos: horizontalidade, apoio mutuo, interxeracionalidade, accesibilidade, comunicación directa coa Administración, fortalecemento do tecido asociativo, democratización da participación, creación de comunidade e necesidade de espazos seguros onde a mocidade poida organizarse e incidir politicamente.

Tamén se puxo en valor a importancia da participación local e comunitaria, así como a necesidade de conectar mellor os recursos existentes coas realidades xuvenís do rural e dos pequenos colectivos.

As entidades participantes non trasladan un modelo pechado, pero si unha vontade clara de explorar fórmulas que permitan recuperar unha representación xuvenil autónoma, democrática e con capacidade real de interlocución institucional. Entre as posibilidades mencionadas atópanse a reactivación dun Consello da Xuventude de Galicia independente, a creación dunha plataforma de asociacións xuvenís galegas ou mesmo unha asociación de asociacións.

Mapa ParticipaZión Xuvenil GaliZa

Construímos unha rede xuvenil galega de participación

No marco de DemocraZia con Z impulsouse en Galicia un proceso participativo territorial baseado na creación de redes entre entidades xuvenís, mocidade organizada e mocidade non asociada. Desenvolvéronse entrevistas, espazos virtuais colaborativos, análise normativa, dinámicas participativas e un encontro presencial de cocreación celebrado en Santiago de Compostela con 35 persoas mozas representantes de entidades xuvenís galegas.

Durante o proceso puxéronse en marcha grupos de traballo estables sobre comunicación, participación, incidencia social, análise xurídica e creación cultural/musical, co obxectivo de continuar fortalecendo o tecido xuvenil galego máis alá do propio proxecto.

Tamén se habilitaron Padlets colaborativos para organizar ideas, detectar necesidades e construír colectivamente propostas relacionadas coa representación xuvenil en Galicia. Entre as accións acordadas atópanse a elaboración dun documento de incidencia política dirixido á Dirección Xeral de Xuventude, a organización dun evento aberto en setembro para visibilizar o tecido xuvenil galego e a creación de materiais e dinámicas de sensibilización sobre participación democrática.

A raíz deste proceso tamén están a xurdir novos espazos e dinámicas de participación xuvenil no territorio. Entre eles, destaca o impulso do Ágora do Centro de Creación Cultural da Almáciga como espazo de encontro, reflexión e traslado de demandas xuvenís ao Concello de Santiago de Compostela, así como os avances cara á creación do Consello Local da Xuventude de Moaña. Estas iniciativas evidencian a existencia dunha mocidade activa e organizada que, cando conta con espazos e acompañamento, é capaz de xerar estruturas de participación estables, horizontais e conectadas coas necesidades reais da súa contorna.

Estas experiencias mostran que a participación xuvenil non é unha demanda abstracta, senón unha realidade viva que emerxe cando existen espazos, ferramentas e vontade política para facela posible.

O proceso continúa aberto e en construción colectiva, incorporando novas entidades e xerando espazos de coordinación horizontal entre colectivos xuvenís de diferentes ámbitos sociais, educativos, culturais e comunitarios.

Vídeo Sara Seco Dossier fotográfico