De Avoas a Netas: Nomeando O Rosal. Preservamos a memoria colectiva da vila.

2026

Colectivo non formal de mocidade rosaleira

ODS04 Educacion, ODS05 Igualdade Xenero

Este proxecto pretende poñer en valor o patrimonio cultural, etnográfico e inmaterial do Concello do Rosal, mediante a transmisión interxeracional da memoria colectiva e dos saberes tradicionais.

As actividades tradicionais que sustentaron a sociedade rosaleira na metade do século XX

a metade do século XX, debido ao contexto de pobreza e penuria, a sociedade rosaleira tivo que sustentarse a partir de tres actividades, como foron o pisco (fenómeno económico e social que marcou a identidade local e as relacións transfronteirizas), o traballo nos muños (que representan o labor comunitario, a autosuficiencia e a economía tradicional ligada á auga e ao territorio), e o argazo (actividade vinculada ao mar e á fertilidade das terras, que combina coñecemento ecolóxico e aproveitamento sostible dos recursos mariños). 

Estas prácticas non só permitían a subsistencia económica, senón que tamén configuraban as relacións sociais, os coidados comunitarios e a identidade local. 

A través desta investigación buscamos comprender como estes saberes e formas de vida contribuíron á construción da memoria colectiva do Rosal.

A memoria colectiva: chave para a pervivencia dun pobo.

A iniciativa permitiu reflexionar sobre a importancia da memoria colectiva para manter viva a identidade cultural dun pobo. As conversas coas persoas maiores puxeron en valor coñecementos, formas de vida e experiencias que normalmente non aparecen nos relatos oficiais, pero que forman parte fundamental da historia da comunidade.

Tamén analizamos como os cambios sociais e os novos ritmos de vida están a dificultar a transmisión interxeracional destes saberes. A perda de espazos de encontro entre xeracións pode provocar que desaparezan palabras, tradicións, formas de organización comunitaria e maneiras de entender a relación co territorio.

O proxecto levou a reflexionar sobre a necesidade de crear espazos de escoita e recoñecemento para as persoas maiores, especialmente para as mulleres, que historicamente desempeñaron un papel esencial na conservación da memoria e dos coidados comunitarios.

Recuperamos a memoria colectiva do Concello do Rosal

Realizamos entrevistas semiestruturadas a persoas maiores vinculadas ás actividades tradicionais (pisco, muños, argazo). As entrevistas foron gravadas en audio e vídeo, e posteriormente transcritas, codificadas e analizadas segundo metodoloxía cualitativa. A partir deste traballo elaboramos un documental con toda as testemuñas, así como unha exposición que deixou constancia de todo o proceso. 

 

Ademais, creamos unha guía didáctica para transmitir o coñecemento das actividades tradicionais ás novas xeracións e un Dicionario que recompila os xeito de falar da nosa contorna. 

 

Tamén recreamos a práctica do pisco no Rosal a través de tres curtas. 

Todo o proxecto documéntase no perfil de Instagram de @deavoasanetas e na web do mesmo nome.