A Coruña entre memorias: historia, colonialismo e identidade

2026

A Coruña entre Memorias

ODS10 Reducion Desigualdades

Proxecto de investigación, divulgación e intervención cultural que revisa a pegada colonial da Coruña e activa novas formas de mirar a cidade desde a memoria, o antirracismo e a xustiza social.

 

instagram | web

Un pasado colonial silenciado na Coruña

A cidade da Coruña, como moitas outras do contexto europeo, está construída sobre capas de memoria que non sempre foron recoñecidas nin contadas desde todas as voces. As relacións coloniais, materiais e simbólicas, deixaron pegadas na súa configuración urbana, na economía, nas representacións culturais e na forma en que se narra a historia local. Con todo, estas conexións permanecen en gran medida invisibilizadas no relato oficial, reproducindo dinámicas de esquecemento e desigualdade histórica.

A Coruña conta cunha longa tradición de investigadoras e investigadores que analizaron a presenza e o impacto do comercio de persoas negras escravizadas na historia da cidade. Neste marco, A Coruña entre memorias parte de estudos, documentos históricos e investigacións previas sobre a trata galega, o comercio colonial e a formación de elites económicas vinculadas a estas redes, para ofrecer á cidadanía unha base documentada desde a que mirar a cidade doutro xeito.

Quen contou A Coruña e quen quedou fóra do relato?

A partir das investigacións previas, A Coruña entre Memorias propón unha lectura crítica da historia urbana e da memoria colectiva da cidade. A investigación documental permite conectar arquivos, planos, documentos históricos, traxectorias económicas e pegadas materiais para analizar como as relacións coloniais participaron na configuración social, económica e simbólica da Coruña.

Esta reflexión parte dunha pregunta central: que historias foron narradas, cales silenciadas e quen pagou o prezo do “progreso”? Mirar a memoria colonial implica revisar os relatos herdados, identificar os silencios do espazo público e recoñecer que a historia non é neutral. Desde unha perspectiva interdisciplinaria, feminista e antirracista, o proxecto entende que reescribir a memoria é unha “responsabilidade ética”, un proceso para cuestionar privilexios, facer visibles as herdanzas coloniais e abrir novas formas de comprendernos como sociedade.

A Coruña, Porto Negreiro: Unha exposición para activar a memoria colonial

A acción central é a exposición “A Coruña, Porto Negreiro”, integrada no proxecto “A Coruña entre Memorias: historia, colonialismo e identidade”. A través de documentos, mapas e imaxes dos séculos XVII ao XIX, a mostra reconstrúe rutas, relacións económicas, silencios e violencias vinculadas ao pasado colonial da cidade e ao papel do seu porto no tráfico transatlántico de persoas escravizadas. Ademais da exposición, desenvolvéronse roteiros urbanos pola cidade para dar a coñecer o seu pasado colonial e levar así o coñecemento fóra da academia, poñéndoo ao alcance da veciñanza. O proxecto conta tamén cunha web que reúne materiais, documentos históricos e cartografías, facilitando que a cidadanía poida consultar, percorrer e compartir estes contidos. A iniciativa abre espazo a novas narrativas creadas por persoas e colectivos afrodescendentes, artistas e activistas que cuestionan o racismo estrutural e reimaxinan un futuro común máis xusto e diverso.

Guía educativa do proxecto Dossier fotográfico. A Coruña entre memorias