Coidamos a contorna, reducimos o lixo

2026

Asociación Raiolas Lugo

ODS11 Cidades Comunidades Sostibles, ODS12 Producion Consumo Responsable, ODS13 Accion Polo Clima, ODS15 Vida Ecosistemas Terrestres

Mozos e mozas usuarias do Centro de Día da Asociación Raiolas Lugo, participantes no proxecto “Promovendo Liderados Xuvenís Transformadores” de Solidariedade Internacional de Galicia, reflexionaron sobre a participación social e as cuestións que lles preocupan. A contaminación da súa contorna foi a temática escollida e, tras analizar a problemática e o seu impacto, decidiron deseñar e colocar un cartel nas inmediacións do centro para concienciar ao alumnado das facultades próximas sobre a importancia da reciclaxe e do coidado do medio ambiente.

A contaminación, un problema de todos/as

Nesta fase achegámonos á temática da contaminación ambiental a partir dunha preocupación xeral compartida polo grupo. Identificamos que a acumulación de residuos é un dos problemas ambientais máis visibles na actualidade e reflexionamos sobre como afecta ao medio natural.

Desde esta mirada ampla, centramos a atención na nosa propia contorna. Observamos que nas inmediacións das máquinas expendedoras próximas ao Centro de Día é frecuente atopar envases e envoltorios tirados no chan, a pesar de existir papeleiras próximas.

Esta análise permitiunos conectar unha problemática global, como é a contaminación, cunha realidade concreta e próxima, comprendendo que as accións cotiás tamén teñen impacto no medio ambiente.

Os nosos xestos tamén contan

Nesta fase afondamos na análise da problemática a través da visualización dunha curtametraxe sobre contaminación. A partir dela, reflexionamos colectivamente sobre as consecuencias do lixo no medio natural e urbano.

Realizamos tamén unha dinámica lúdica sobre a correcta separación dos residuos, identificando en que contedor debe depositarse cada tipo de lixo. Isto permitiunos revisar coñecementos, detectar erros habituais e reforzar a idea de que todas as persoas podemos contribuír ao coidado da contorna.

Posteriormente, analizamos a situación concreta das inmediacións do Centro de Día e debatemos sobre as posibles causas: descoido, falta de hábito ou escasa conciencia ambiental. O grupo concluíu que pequenas accións individuais poden xerar grandes impactos, tanto negativos como positivos, e que era posible intervir para mellorar esta realidade desde o noso propio espazo.

Curtametraxe Basuria

Alzamos a voz contra o lixo na nosa contorna

Como resposta activa á problemática detectada, o grupo deseñou e elaborou de maneira colaborativa un cartel de sensibilización dirixido ao estudantado das facultades próximas.

Traballouse de forma participativa a mensaxe, as imaxes e o formato, procurando que fose clara, directa e positiva. O obxectivo era visibilizar o impacto de tirar lixo ao chan e promover unha actitude responsable co medio e coa contorna compartida.

O cartel colocouse nun lugar visible e transitado na zona das máquinas expendedoras próximas ao Centro de Día e ás Facultades, co propósito de fomentar un cambio de comportamento e contribuír á mellora ambiental do espazo compartido.

Dossier fotográfico Cartel colaborativo