Conectando á xuventude: Acción contra a soidade non desexada

2026

Fundación Secretariado Gitano Ferrol

ODS03 Saude Benestar, ODS05 Igualdade Xenero, ODS10 Reducion Desigualdades, ODS11 Cidades Comunidades Sostibles

O alumnado da Fundación Secretariado Gitano de Ferrol, participante no proxecto “Promovendo Liderados Xuvenís Transformadores” de Solidariedade Internacional de Galicia, reflexionou sobre a participación social e as diversas cuestións que lles preocupan como xuventude. Unha das súas principais preocupacións era a soidade non desexada entre as persoas mozas. Tras unha investigación sobre a temática, decidiron facer incidencia política enviando unha carta ao Concelleiro de Xuventude do seu concello, para informar desta preocupación e solicitar melloras entre as actividades que se ofertan para as persoas da súa idade, para promover espazos de encontro entre eles/as. 

Entender a soidade xuvenil

A soidade na xuventude é unha problemática percibida polos propios rapaces e rapazas, mais tamén é unha cuestión apoiada e abordada por distintos organismos oficiais. 

A OMS define a soidade coma “un sentimento persoal doloroso que se produce cando as relacións non se axustan ao que a persoa quere ou necesita”, o que diferenza do illamento social, que relaciona coa cantidade, como ter moi poucas relación sociais ou non ver a outras persoas con suficiente frecuencia, pero que isto non ten por que supoñer un problema para a persoa.

Segundo un informe elaborado pola OMS en 2025 “Da soidade á conexión social: o camiño cara sociedades máis saudables” as persoas mozas (entre 13 e 29 anos) son as que máis din estar afectadas pola soidade, achacándoo ao feito de que probablemente a poboación adolescente desexa establecer máis vínculos sociais e máis estreitos durante este período das súas vidas.

En canto ás consecuencias da problemática, este informe tamén menciona que a soidade e o illamento social poden aumentar o risco de padecer problemas graves de saúde (física e mental) e, incluso, unha morte prematura.

Con respecto á situación en España, a Fundación ONCE elaborou un informe “Barómetro da soidade non desexada en España 2024”, no que se estima que no noso país un 20% de persoas sofren soidade non desexada, sendo as persoas mozas quen máis a padecen, e afectando especialmente a persoas en situación de vulnerabilidade (migrantes, LGBTIQ+, con discapacidade ou problemas de saúde mental).

Os estudos do Barómetro realizado pola ONCE coinciden con outros estudos que identifican unha relación entre idade e soidade non desexada en forma de U, é dicir, que a soidade é máis frecuente entre as persoas máis novas, menor na idade adulta media, e máis común de novo entre as persoas maiores.

Barómetro de la soledad no deseada en España 2024 - Fundación ONCE y Fundación AXA Resumo executivo do informe: "De la soledad a la conexión social"- OMS Nova Euronews "Los adolescentes son el grupo más solitario del mundo" Nova RTVE "El 70% de los jóvenes sufre o ha sufrido soledad no deseada en algún momento de su vida"

Mapeando a realidade: reflexionamos sobre a soidade xuvenil

Tras unha primeira fase de procura de información, partindo dos datos aportados na fase de luces que recompilamos mediante unha lectura crítica de distintas novas de prensa, comezamos a analizar de forma crítica a problemática, de maneira xeral e na nosa contorna:

  • Fixemos unha árbore de problemas nas que identificamos as causas e os efectos da soidade non desexada entre a xuventude, tendo en conta o que previamente leramos e facendo unha reflexión sobre as mesmas.
  • Realizamos unha cartografía da nosa cidade para identificar os lugares que emprega a xuventude para reunirse, aqueles que son máis propensos a causar soidade e aqueles que terían potencial para ser puntos de encontro entre a mocidade.

Este foi tamén o momento tamén de visualizar o futuro desexado: unha cidade con máis oferta de ocio e cultural gratuíta e que sexa amable e accesible para aquelas persoas que se sintan soas.

Árbore da soidade non desexada na xuventude Cartografía dos espazos Ferrol

Carta para un Ferrol máis amigable

Despois de facer unha tormenta de ideas para propoñer accións a desenvolver, escollemos redactar entre todos/as e enviar unha carta ao Concelleiro de Xuventude, Festas e Novas Tecnoloxías e Marca Ferrol para expoñerlle as nosas inquedanzas sobre a soidade na xuventude baseándonos nos datos que previamente analizáramos e baixo a nosa perspectiva como xuventude ferrolana. 

Ademais de amosarlle a nosa preocupación, tamén quixemos facerlle algunha proposta para que o ocio da xente da nosa idade non se basee soamente en ir ao centro comercial a pasar o tempo, senón que dende o concello se promocione máis a Casa da Xuventude da cidade e se oferten máis actividades atractivas para a xente moza, aportando algunhas ideas que a nós nos parecen atractivas.

Con esta iniciativa o que pretendemos é facer chegar a nosa preocupación a un cargo político con responsabilidade na materia e que se poidan implementar eses cambios para facer de Ferrol unha cidade máis amigable coas persoas que sintan soidade non desexada, que poidan contar con diferentes posibilidades de lugares ou actividades aos que asistir para atoparse con outras persoas afíns e deixar de ter ese sentimento negativo que afecta as súas vidas.

Deste xeito, tamén se promove un exercicio de participación cidadá, involucrándonos como xuventude directamente na política local. Ademais, isto ten o potencial de ser un modelo replicable noutras cidades ou barrios, fomentando unha participación activa e comprometida.

Carta para un Ferrol máis amigable Dossier fotográfico