O Solar da Pomba
O Solar da Pomba é un espazo recuperado pola veciñanza e por persoas en situacións de vulnerabilidade. Enmárcase no programa Participa centrado no aspecto relacional e comunitario como eixo vertebrador de cara a unha plena inclusión social.

O aumento da soidade non desexada e a exclusión social.
O informe do Barómetro da Soidade Non Desexada en Galicia relativo ao ano 2024 reflicte que un 19,8% das galegas vese afectada por este fenómeno, o cal se ve incrementado ata o 28,8% nas cidades que, como Vigo, superan os 50.000 habitantes. Esta cifra aumenta ata o 35,5% nas idades comprendidas entre 18 y 34 anos, descende ao 12% entre os 35 e 54 anos e volve aumentar ata o 19,9% a partir dos 55 anos. Todas estas cifras son por si mesmas preocupantes, pero ademais a isto engádense os datos ofrecidos polo IGE referidos ao ano 2023 en Vigo, que mostran un valor do 14,3% na taxa de risco de pobreza ou exclusión social.
A exclusión social e o illamento comunitario, responsabilidade de todos e todas?
Crecente individualismo vencellado aos valores que fomenta o sistema capitalista e a percepción do éxito como algo individual e non colectivo.
Internet e as novas tecnoloxías. O impacto na maneira de relacionarse que tivo na sociedade a chegada dos smartphones e as redes sociais.
A perda de espazos de encontro gratuitos nos barrios e por ende, vencellados a unha lóxica consumista.
Solucións...
Fomentar espazos de encontro diversos onde persoas con diferentes historias de vida compartan intereses co fin de reducir estigmas fomentando tamén a xeración de redes relacionais.
Redefinir o papel das entidades sociais nos barrios, sendo espazos abertos ao barrio e as súas posibles demandas rexeitando un rol pasivo e asistencialista de cara a problemáticas de carácter social.
Poñer no centro ás persoas á hora de abordar o traballo de cara a unha plena inclusión social, participando en espazos de toma de decisións e tendo un rol activo dentro das dinámicas e propostas das entidades sociais.
Por uns barrios coidados e que nos coiden.
O Solar da Pomba é un espazo recuperado pola veciñanza, persoas atendidas por Emaús e Provivienda e a Colaboración do comercio Local.
En 2020 o espazo consistía nun Solar abandonado (pendente de licitación de obra) e inaccesible, cheo de vexetación descontrolada e ratas.
Participantes de Emaús identificaron a potencialidade do lugar e acadouse unha cesión do espazo temporal.
En 2021 realizáronse asambleas de barrio nas que participaron veciñanza, participantes de Emaús, comercio local, entidades colaboradoras... das que resultaron unha serie de consensos xerais.
Organizáronse sesións de traballo semanais para a limpeza e acondicionamento do espazo. Grazas a colaboración de moitos axentes comunitarios, no ano 2023 inaugurouse O Solar da Pomba como espazo aberto para o uso da cidadanía.
Durante todo o proceso involucráronse moitos colectivos, artistas e persoas colaboradoras para colaborar co proxecto. Ao longo de toda esta traxectoria as persoas que formaron parte de todo o proceso seguen a quedar periodicamente para facer mantemento do espazo e organizar actividades no espazo como o Magosto, A verbena da Pomba...
Con todo isto, O Solar da Pomba, ademais de ser un espazo recuperado para a cidadanía, afianzouse na cidade como espazo cultural onde se realizaron concertos, cine ó aire libre, recitais de poesía, aniversarios...
É un espazo recuperado pola xente, para a xente, cun papel protagonista en todo este proceso das persoas en situacións de vulnerabilidade atendida por Emaús, xuntando a persoas con historias de vida moi diferente co fin de conectalas e reducir prexuizos.