Voga-Voga, pola redución dos residuos plásticos

2025

Asociación MISELA

ODS08 Traballo Decente Crecemento, ODS10 Reducion Desigualdades, ODS13 Accion Polo Clima, ODS14 Vida Submariña

Buscamos minimizar a presenza de residuos no mar, mediante a recollida dos mesmos, seleccionando os plásticos ós que é viable darlle unha segunda vida para crear novos produtos a través de máquinas de prototipado. Ao tempo, contribuímos a xerar unha alternativa ocupacional para persoas con discapacidade.

Instagram | Facebook | Web

Un mar de desafíos: exclusión laboral e plastificación dos océanos.

Segundo datos de Ocean Europe, en 2021, case o 84% dos residuos encontrados nas praias españolas eran plásticos.

Ademais estanse a atopar restos de microplásticos en sedimentos mariños profundos, peixes e mariscos, co impacto que isto pode ter sobre a saúde da vida submarina e a saúde humana.
Por outra banda, en canto ás dificultades de inserción laboral das persoas con discapacidade, segundo o informe da Asociación Empresarial para a Discapacidade vemos que:
No 2023, só o 21,9% das persoas con discapacidade intelectual estaban empregadas, o que supón unha diminución respecto ao 23,3% rexistrado no  2022. Esta cifra é significativamente inferior á taxa de emprego da poboación xeral.
Menos do 2% das persoas con discapacidade intelectual traballan en empresas ordinarias; a maioría faino en centros especiais de emprego ou en contornas protexidas.
Só o 8% da mocidade entre 16 e 24 anos con discapacidade intelectual está empregada, o que evidencia unha fenda significativa respecto aos seus iguais sen discapacidade.

Podemos construír un futuro máis limpo e máis xusto?

En canto á contaminación, non é suficiente só con reciclar, hai que concienciar sobre o tratamento dos residuos, como afectan ó ecosistema e reducir o seu emprego, así como fomentando accións de conservación e limpeza.
Con respecto á inclusión, persisten estereotipos e unha falta de comprensión sobre as capacidades das persoas con discapacidade intelectual, o que limita as súas oportunidades laborais.
Moitos non acceden a unha formación suficiente que permita a súa inclusión inserción en actividades laborais.

Como podemos fomentar a inclusión das persoas con discapacidade e ó mesmo tempo actuar sobre a problemática da contaminación por residuos plásticos?

Un mar de oportunidades: xerando recursos de emprego a partir do lixo mariño

Voga-Voga pretende conectarse coa cidadanía a través dun proxecto participativo. Así búscase minimizar a presenza de residuos na costa e no mar, mediante a recollida dos mesmos, seleccionando ós que é viable darlle unha segunda vida a través de máquinas de prototipado para obter novos obxectos de longa duración. 

Realizamos saídas semanais ás praias e zonas do litoral do concello para facer recollidas de plásticos. Posteriormente, procedemos a clasificar e seleccionar o material para ser tratado nas máquinas de prototipado que temos no centro ocupacional, transformándoo en pequenos fragmentos e dándolle unha segunda vida. Pinzas, perchas, chaveiros, botóns, pendentes… son algúns dos produtos que deseñamos, creando obxectos totalmente renovados e reciclados feitos exclusivamente cos plásticos que aparecen tirados no medio mariño e que tanto dano ocasionan á súa fauna e flora.

Todo este traballo é realizado por persoas con discapacidade, amosando que estas poden ser motor de cambio para a problemática da contaminación do mundo mariño.

Dossier fotográfico