O Globo como escola de participación
As persoas que conforman o equipo de técnicas e voluntarias do Globo, reunímonos en Ourense xunto con Cidadanía, nunha sesión para afondar na concepción do Globo como escola de participación.
20 febreiro 2020 | O 19 de febreiro tivemos unha sesión de traballo na nosa tenda de comercio xusto en Ourense, sobre cales son os obxectivos educativos do Globo e como son as prácticas transformadoras que queremos impulsar. Para iso, partimos das ideas xa abordadas no Prisma e en anteriores reunións, engadindo novas ideas, para afondar nos detalles e definir con maior concreción a nosa particular escola de participación.
A sesión dividiuse en tres partes. Na primeira delas traballamos na definición das competencias educativas. Por exemplo, o liderado positivo e transformador require saber mobilizar a outras persoas, falar en público, chegar a acordos de forma consensuada e priorizar os acordos colectivos sobre as preferencias individuais. A empatía precisa de saber relacionarse con afecto e poñerse no lugar doutras persoas. Analizar precisa de conciencia crítica, de tomar en conta diferentes puntos de vista e cuestionarse a información. tamén se definiron outras competencias clave como a capacidade de imaxinar solucións, de crear proxectos para o ben común ou de concienciar e chegar a máis xente.
Na segunda parte describimos como deben ser as experiencias de transformación social impulsadas e divulgadas polo Globo. Non deben ser accións sen reflexión, ou que se queden na teoría, nin que requiran moitos recursos para levarse adiante. tampouco deben vulnerar os dereitos doutros colectivos nin ser violentas. Non deben ter carácter asistencial, nin xulgar, sen propoñer solucións. Tampouco poden ser xerárquicas (aquelas que se realizan cunha cadea de mando, nas algunhas persoas carecen de espazos e de poder para facer achegas), nin unha idea dunha persoa, executada por un grupo ou buscar o beneficio individual.
Caracterizadas en positivo: seguen o esquema básico luces-cámara-acción; actúan: pasan á acción; requiren compromiso; son replicables; incorporan diferentes puntos de vista; incorporan espazos de participación e técnicas de dinamización de grupos; son horizontais, realízanse en cooperación, o que require de comunicación, confianza e igualdade no grupo; realízanse con diálogo e consensos; son froito do traballo en equipo; incorporan a dimensión global; parten da reflexión e da análise; buscan o beneficio colectivo; parten dunha necesidade real detectada; identifican as responsabilidades propias; e encádranse nos Dereitos Humanos e nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Na terceira parte desta sesión de traballo, deseñamos un prototipo de actividade de presentación do Globo, pensada para abrir este proxecto a máis entidades e redes. Na actividade buscamos acadar un papel activo das persoas convidadas, polo que se deseñou unha presentación breve e un xogo de verdadeiro/falso sobre O Globo.