22 maio 2026 | Nas últimas semanas medrou a preocupación social arredor do proxecto dunha planta de biogás prevista na parroquia de Soandres, no Concello da Laracha. A instalación, promovida por Bioenergía A Coruña S.L.U., atópase actualmente en fase de exposición pública, o que significa que a cidadanía aínda pode presentar alegacións antes do 26 de maio.

Segundo a documentación oficial publicada no Diario Oficial de Galicia, a planta proxectada trataría ata 63.500 toneladas anuais de residuos orgánicos procedentes do sector agrogandeiro e da industria alimentaria para producir biometano mediante dixestión anaerobia.

A oposición ao proxecto non cuestiona o aproveitamento enerxético dos residuos orgánicos, senón a dimensión concreta da instalación, a súa localización e os posibles impactos sobre o territorio e a veciñanza.

Entre as principais preocupacións expresadas por plataformas cidadás, persoas veciñas e administracións locais destacan:

  • A posible afección aos ríos e aos recursos hídricos da zona.
  • Os riscos asociados á xestión e vertedura de augas residuais.
  • Os cheiros derivados do almacenamento e tratamento de residuos orgánicos.
  • O incremento do tráfico pesado nunha contorna rural.
  • O impacto paisaxístico e territorial da infraestrutura.
  • A posible afección ao patrimonio cultural e arqueolóxico.
  • A proximidade da planta a núcleos habitados.

Concellos afectados, como o Concello da Laracha ou o Concello de Carballo puxo a disposición da cidadanía un modelo de alegación e reiterou publicamente o seu rexeitamento ao proxecto.

 

Como presentar alegacións?

As alegacións poden presentarse tanto de maneira presencial como telemática ata o 26 de maio.

A alegación debe ir dirixida á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade; Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación

Poden realizase de dous xeitos, presencial ou telemática:

Presentación presencial

Pode realizarse en calquera rexistro oficial da administración pública, incluídos os Concellos.

Só é necesario imprimir e cubrir o documento de alegación correspondente e entregalo por rexistro.

Presentación telemática

Primeiro debe imprimirse e cubrirse o documento da mesma maneira que para o proceso presencial. Posteriormente hai que escanealo.

  • Opción 1: Rexistro electrónico Red SARA

A través de:

Red SARA

Unha vez dentro, hai que premer en “Nuevo registro” e acceder mediante:

  • Cl@ve PIN
  • Certificado dixital
  • DNI electrónico
  • Cl@ve permanente
  • Outros métodos habilitados para cidadáns da UE

 

  • Opción 2: Sede electrónica da Xunta de Galicia

A través da solicitude xenérica:

Solicitude xenérica da Xunta (PR004A)

Debe tramitarse a solicitude xenérica co código PR004A.

Pódese acceder mediante:

  • Chave365
  • DNI electrónico
  • Certificado dixital
  • Cl@ve móbil
  • Cl@ve permanente
  • Outros sistemas habilitados para cidadáns da UE

Que pode poñerse na solicitude?

ASUNTO: ALEGACIÓNS CONTRA O PROXECTO DE BIOGÁS NA LARACHA CON EXPEDIENTE 2024-IPPC-I-94

EXPÓN: O PROXECTO BÁSICO PARA A CONSTRUCCIÓN DUNHA PLANTA DE BIOGÁS NA LARACHA SAIU A EXPOSICIÓN PÚBLICA NO DOG DO 13 DE ABRIL DE 2026 E ESTÁ EN PERIODO DE ALEGACIÓNS

SOLICITA: PRESENTAR ALEGACIÓNS ANTE ESTE PROXECTO

A participación cidadá nos procesos de información pública é un dereito recoñecido pola lexislación ambiental e permite que persoas particulares, colectivos e entidades poidan expresar preocupacións, achegar información ou solicitar revisións antes de que a administración resolva definitivamente sobre o proxecto.