A nova edición de O Globo xa botou a andar
Nos últimos meses de 2025 arrancou a nova edición de O Globo, entre outros, coa participación do alumnado de 1º de Educación Social e do Mestrado de Investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario da Universidade de Santiago de Compostela. O proxecto inicia así un novo percorrido no que os grupos comezan a achegarse ás súas dinámicas de traballo e a reflexionar sobre as temáticas que marcarán as futuras accións de transformación social.
20 xaneiro 2026 | Ao longo de tres sesións de traballo, os distintos grupos de Educación Social afondaron nos principios da Educación para a Cidadanía Global, coñeceron os obxectivos do proxecto e exploraron a metodoloxía Luces, Cámara e Acción.
Durante estes encontros, o alumnado compartiu inquedanzas, puxo en común reflexións e analizou diferentes problemáticas sociais actuais, abrindo espazos para o debate e a conciencia crítica. Este proceso inicial permitiu comezar a definir as temáticas que inspirarán as futuras iniciativas de transformación social.
As ideas xa están enriba da mesa e, ao longo deste ano 2026, seguirase traballando en conxunto para converter estas primeiras propostas en proxectos concretos capaces de xerar reflexión, participación e cambio social.

No caso do alumnado do mestrado, tamén tiveron a oportunidade de afondar na Educación para a Cidadanía Global, na metodoloxía do proxecto e na súa potencialidade para impulsar e articular iniciativas de transformación social. Con eles e elas desenvolveuse, ademais, un traballo específico orientado á identificación e análise, segundo a metodoloxía Luces, Cámara e Acción, de iniciativas impulsadas por colectivos ou entidades que cumprisen cos criterios de O Globo: ser colectivas, horizontais, replicables, feministas e transformadoras.


