15 decembro 2025 | María Galindo é activista e militante do feminismo radical, psicóloga e comunicadora. É cofundadora do colectivo anarcofeminista Mujeres Creando, creado en 1992, e contraparte de Solidariedade Internacional de Galicia, coñecido polas súas accións participativas, performativas e de protesta nas rúas bolivianas. O seu pensamento e práctica política convertérona nunha referente internacional do feminismo contemporáneo.

Entre os eixos que traballa de maneira constante destacan a despatriarcalización no contexto do proceso constituínte boliviano e a denuncia do feminicidio como crime de Estado. Ademais do seu activismo, Galindo é recoñecida polo seu labor como escritora -o seu libro Feminismo bastardo é un referente do feminismo contemporáneo e foi editado en numerosos países- e como creadora artística. A súa obra foi exposta en espazos de prestixio como o Museo Reina Sofía, a Documenta de Kassel de arte contemporánea ou o Centro Pompidou, así como nas bienais de São Paulo e Venecia. Na actualidade, codirixe Radio Deseo, unha emisora con alcance nas cidades de La Paz e El Alto.

Neste encontro, que terá lugar o 8 de xaneiro de 2026 no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, entre as 11:30 e as 14:00, María Galindo compartirá unha primeira aproximación á súa teoría e proposta de despatriarcalización, abrindo un espazo de reflexión e diálogo colectivo.

Non perdas a oportunidade de aprender e dialogar cunha referente internacional do pensamento feminista. Inscríbete aquí.