20 xuño 2025 | O Globo celebrou o pasado 13 de xuño, o seu VII Encontro, unha cita na que colectivos sociais e centros educativos puxeron en común experiencias de participación e transformación social desenvoltas ao longo do ano. No evento, celebrado en Santiago de Compostela, participaron arredor de 100 persoas.

A xornada comezou coa benvida a cargo de Solidariedade Internacional de Galicia, entidade promotora desta iniciativa. Neste primeiro momento recoñeceuse a gran diversidade de colectivos implicados e a importancia de seguir sumando esforzos para construír unha cidadanía activa e crítica.

O momento central do Encontro foi a Feira de microexperiencias de transformación social, onde alumnado e colectivos amosaron as iniciativas traballadas durante o curso, xerando conversa, aprendizaxes compartidas e novas redes de colaboración. Sen dúbida, as crianzas do CEIP San Francisco Javier, a tribo cambiamundos, foron protagonistas deste espazo, invitándonos ás persoas adultas a reflexionar sobre o mundo que lles imos deixar a través do seu manifesto, transformado en regueifa.

Algúns dos tótems elaborados para a feira de microexperiencias

A xornada tamén contou con obradoiros de radio, fotografía, regueifa e contacontos para as crianzas. Unha mostra máis de que a arte, a comunicación e o humor son ferramentas poderosas para fomentar a reflexión colectiva e avanzar cara a unha sociedade máis xusta.
Un ano máis, queremos agradecer a todas as persoas participantes deste proxecto que, edición tras edición, construímos entre todas.