Milleiros de persoas maniféstanse en Compostela contra o proxecto de Altri na Ulloa
O pasado domingo, 15 de decembro, milleiros de persoas déronse encontro na cidade de Santiago de Compostela para protestar contra o proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa).
17 decembro 2024 | Máis de 100.000 persoas, segundo a organización, percorreron este pasado domingo as rúas da capital galega para protestar en contra da instalación da macroplanta de celulosa que a empresa Altri quere instalar na comarca da Ulloa. A manifestación partiu da Alameda ao redor das 12 horas e os asistentes clamaron contra os plans da multinacional lusa nas rúas do centro da capital galega até chegar á praza do Obradoiro.
Os colectivos organizadores, entre os que se atopan diversas plataformas ecoloxistas e asociacións veciñais, denuncian o impacto ambiental e social que esta macroplanta podería ter sobre unha comarca de alto valor natural e patrimonial. Ademais, alertan sobre os posibles prexuízos para os sectores gandeiro e turístico da zona, considerados vitais para a economía local.
Durante o percorrido, escoitáronse consignas como “Non á celulosa, si á Ulloa viva” e “Defender a terra non é un delito”, reflectindo o malestar xeneralizado ante un proxecto que consideran lesivo para o medio ambiente e o futuro das novas xeracións. A protesta contou coa presenza de persoas de toda Galicia, así como de representantes políticos, sociais e culturais que quixeron sumarse á reivindicación.
Esta multitudinaria manifestación, e todas as que a precederon, supoñen un exemplo de compromiso e participación social, a través do cal o pobo decide saír ás rúas a loitar en contra daquilo no que non está de acordo e a reivindicar un futuro mellor, que sexa sustentable para todas as persoas.
Os organizadores adiantaron que continuarán con novas mobilizacións e accións informativas ata que a Xunta de Galicia e a empresa reconsideren o proxecto, facendo un chamamento á sociedade galega a manterse unida nesta loita.