Haydée Castillo achegounos as claves da participación social
O pasado 18 de outubro tivo lugar a formación "Activismos e participación social" impartida por Haydée Castillo no Centro Cívico da Cidade Vella da Coruña.
23 outubro 2024 | Máis de vinte persoas participaron na última formación de O Globo, un encontro dirixido por Haydée Castillo o pasado 18 de outubro na Coruña.
Durante unha intensa sesión de dúas horas, afondamos nos conceptos de participación social e activismo mediante técnicas emocionais, cooperativas e de coñecemento e recoñecemento, tanto propios como das demais persoas. Grazas a estes exercicios prácticos, Haydée logrou extraer ideas clave sobre os liderados sociais e os desafíos que afrontamos no ámbito da participación cidadá, promovendo a creación colectiva de coñecementos entre todas as persoas participantes.
Ao longo da sesión, compartiu tamén a súa experiencia persoal, ofrecendo exemplos de liderado e ferramentas prácticas para enfrontar os retos sociais da actualidade.
Haydée animounos a reflexionar sobre a nosa corresponsabilidade ante os problemas sociais, subliñando a importancia de non caer no inmobilismo. A súa mensaxe foi clara: "ser nós o cambio". Ademais, alentounos a buscar referentes inspiradores, non só entre persoas con grande visibilidade, senón tamén na nosa contorna inmediata, recoñecendo o valor das persoas próximas que, con pequenas accións, marcan a diferenza.