8 outubro 2024 | Haydée Castillo é licenciada en Ciencias Sociais e titulada no Mestrado en Integración e Desenvolvemento. É fundadora de organizacións como a Fundación para el Desarrollo de las Mujeres y la Niñez – FUNDEMUNI, a Fundación Instituto de Liderazgo de Las Segovias – ILLS, e membro da Iniciativa Nicaragüense de Defensoras de Derechos Humanos.

A súa traxectoria está marcada pola súa dedicación á defensoría de Dereitos Humanos, que exerceu en órganos como a Procuraduría de Dereitos Humanos de Nicaragua, o Consejo Asesor de Sociedad Civil de Naciones Unidas en Nicaragua ou o Comité Consultivo del Sistema de la Integración Centroamericana – CCSICA. Este compromiso segue sendo central no seu día a día.

Cunha longa traxectoria na defensa dos dereitos humanos no norte de Nicaragua, en abril de 2018 Haydée converteuse nunha das máis de 70.000 persoas exiliadas, segundo datos da ONU. Refuxiouse nos Estados Unidos, desde onde continúa o seu activismo feminista e a defensa dos dereitos das comunidades rurais e indíxenas. O 15 de febreiro de 2024, a ditadura de Daniel Ortega incluíuna na lista de 94 nicaraguanos despoxados da súa nacionalidade e dos seus bens.

A vida de Haydée Castillo está fortemente marcada pola participación social e os activismos, que son as temáticas centrais desta formación. Partindo da súa experiencia persoal, achegaranos ferramentas útiles para unha participación social comprometida, activa e efectiva. Reflexionaremos tamén sobre os desafíos actuais dos movementos sociais e a importancia de traballar de maneira colectiva e interseccional para garantir unha participación inclusiva e diversa.


Podes inscribirte a través do código QR do cartaz ou clicando na seguinte ligazón: i.gal/UDMzO