O vindeiro 14 de xuño O Globo celebrará o seu VI Encontro!
Como cada ano, as persoas e colectivos implicados en O Globo atoparanse nun Encontro no que compartir as súas microexperiencias de transformación social.
11 xuño 2024 | Un ano máis volve o Encontro, a data central de O Globo, un espazo lúdico e formativo onde visibilizar e poñer en común as microexperiencias de transformación social desenvolvidas por alumnado, colectivos e entidades.
O vindeiro 14 de xuño, no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), daranse cita as persoas participantes de O Globo 2024 nun Encontro que xirará arredor dunha Feira de Microexperiencias, pero que tamén contará con obradoiros onde poremos en práctica distintas artes para a transformación social: a fotografía participativa, a regueifa e a radio.
As microexperiencias presentadas este ano xiran en torno a temáticas de actualidade tales como as migracións, a xustiza social, a sustentabilidade, a guerra en Palestina, a defensa do medio ambiente ou a protección animal, entre outras.
As iniciativas presentadas este ano súmanse ás xa promovidas, colaborando na construción colectiva dun observatorio da participación e da cidadanía global, en constante actualización e que xa conta con máis de 80 microexperiencias de transformación social!