I Encontro O Globo: observatorio para educar na Cidadanía Global
Arredor de 150 participantes, entre alumnado de distintos IES galegos, profesorado e ONGs, participaron no I Encontro do Globo. A xornada tivo lugar o día 24 de maio de 2019, na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.
21 xuño 2019 | O I Encontro do Globo deu comezo cunha benvida a tódalas persoas participantes na xornada. Neste espazo común trasladouse o fío condutor do Encontro: a través da implicación activa nos espazos e actividades propostas conseguíanse uns selos que cubrían un documento, que ao final do Encontro debía mostrar o percorrido realizado ao longo da xornada.
No primeiro bloque do Encontro realizáronse varios obradoiros simultáneos nos que aprender de forma divertida e creativa sobre a Cidadanía Global. Os obradoiros de carácter reflexivo foron tres: “Poñendo o foco”, onde pensar colectivamente sobre as necesidades básicas e o grao de atención que se lles presta; “Son unha persoa de acción”, na que o grupo deseñou en equipo unha iniciativa a poñer en marcha fronte a unha inxustiza social; e “Quen quere ser millonario/a?”, onde quen participou do taller puido visualizar os efectos que ten o noso modelo de consumo sobre outras persoas e territorios.
Pola súa parte, os obradoiros de carácter creativo consistiron na “Creación de viñetas”, no cal, a través do coñecemento de diversas estratexias de comunicación, deseñáronse varias viñetas críticas. No obradoiro de “Radio para a transformación social”, os rapaces e as rapazas aprenderon a gravar unha cuña de radio empregando as súas voces; e no obradoiro de “Teatro – imaxe”, o grupo traballou temáticas relacionadas coa Cidadanía Global a través da expresión corporal.
Despois dun pequeno descanso deu comezo o segundo bloque do Encontro: o alumnado e as ONGs ocuparon o espazo principal da facultade, instalándose en diversos stands para crear unha Feira de micro-experiencias de transformación social. Mediante cartaces, vídeos e outros materiais xerados ao longo das experiencias de transformación social que promoveron, a rapazada e ONGs puideron dar a coñecer e poñer en valor as súas iniciativas. De xeito simultáneo ao espazo de Feira, tivemos a oportunidade de desfrutar do espectáculo teatral a cargo do colectivo Las Amapolas, onde a través dunha reflexión crítica sobre o amor nas súas diversas formas, xerouse un espazo para repensar as relacións, o amor propio, as fronteiras, e os dereitos humanos.
No ano 2019 lanzouse A sonda, polo que O Globo está despegando e a partir de agora vai coller altura!