Conversando con Haydee Castillo
O pasado venres Haydee Castillo, recoñecida activista nicaraguana, foi a protagonista no café Macondo de A Coruña de “Conversando con…”, un novo espazo presencial de O Globo no que coñecer experiencias de participación social da man dos seus protagonistas.
11 setembro 2023 | Líder influínte da sociedade civil nicaraguana e Centroamericana, Haydee Castillo é, ante todo, unha defensora de Dereitos Humanos. Unha actividade que exerceu en órganos coma a Procuraduría de Dereitos Humanos de Nicaragua, o Consejo Asesor de sociedad civil de Naciones Unidas en Nicaragua ou o Comité Consultivo del Sistema de la Integración Centroamericana-CCSICA.
Actualmente atópase no exilio político como consecuencia da criminalización por parte da ditadura Ortega Murillo quen, no ano 2018 e tras a revolta social e pacífica do pobo nicaraguano, ilegalizou a Fundación Instituto de Liderazgo Las Segovias, dirixida por Haydee Castillo. Máis tarde foi detida e obrigada a fuxir aos EEUU.
No 2023, nun novo exercicio de represión contra o activismo de Castillo, foi desposuída da súa nacionalidade nicaraguana, e decretouse a inmobilización e comiso de todos os seus bens. Decretouse así mesmo a inhabilitación absoluta e especial para acceder a cargos públicos, a exercer cargos de elección popular e a perda dos seus dereitos cidadáns de forma perpetua.
Na actualidade e desde o exilio político, continúa documentando violacións a Dereitos Humanos en Nicaragua e promovendo a xustiza transicional (memoria, verdade, xustiza, resarcimento e non repetición) xunto a organizacións de vítimas da represión estatal de Nicaragua.
Durante a súa intervención no café de Macondo, Castillo fixo un repaso pola historia recente de Nicaragua na que destacou a presenza dunha “ditadura que dí gobernar en nome dos pobres mentres manosea o concepto de paz. Un réxime que ten baixo o seu control todas as institucións do Estado, na que ningún trámite xudicial prospera e nada se move sen a vontade do dictador”.
Haydee Castillo recorda que dende a durísima represión de abril do ano 2018, na que o goberno empregou armas de guerra contra un pobo que elixira a vía pacífica para as súas protestas, morreron máis de 300 persoas, 7000 teñen pasado polo cárcere, “mares de xentes” viven no exilio con pánico a ser deportados e son máis de 250 as “desnacionalizadas”.
Cando se lle pregunta a Haydee Castillo polo futuro do seu país, comenta que o pobo de Nicaragua xa non pode facer máis pois o “sistema é tan salvaxe que te fai escoller entre comer ou a liberdade”, por iso considera que casi todo o que se pode facer “ten que vir de fora, da man das grandes institucións internacionais coma o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial, os EEUU e a Unión Europea que son hoxe, xunto co gran capital nicaraguano e o exército, os pilares da ditadura e quen financian o tecido represor”.
“É necesario asfixiar á ditadura” afirma Castillo.
Con todo, Haydee Castillo continua apelando á solidariedade e á cooperación como fórmulas necesarias para “jalar la esperanza” e mantense firme na súa aposta por interpelar a líderes políticos de todo o mundo na procura de apoios que deslexitimen o actúal goberno de Daniel Ortega e procuren unha saída á situación que enfrontan os nicaraguanos e as nicaraguanas e que ela califica coma “unha guerra que se vive pero non se ve”.