O Globo celebra o V Encontro o día 20 de xuño!
O martes 20 de xuño celebramos o V Encontro, un espazo onde compartir experiencias de participación e de transformación social promovidas polo alumnado galego, entidades sociais e do Sur global
15 xuño 2023 | O Encontro anual é a data central do Globo, un espazo de encontro onde visiblizar as micro-experiencias de transformación social desenvoltas durante este ano. O 2023 xirou arredor de temáticas de actualidade como a resposta ás violencias sexuais nos contextos de ocio, a dinamización do rural, a fenda dixital das persoas maiores, ou a prevención dos problemas de saúde mental.
O día 20 de xuño na EGAP (Santiago de Compostela) daranse cita as entidades participantes do Globo no 2023, que nacen da detección dunha necesidade comunitaria, pasan por un proceso de reflexión colectiva, e culminan cunha acción transformadora.
O Encontro anual do Globo ofrecerá varios momentos clave, entre os que destacan a Feira de experiencias e os obradoiros, onde poremos en práctica distintas artes para a transformación social: fotografía participativa, regueifas e un obradoiro de reflexión sobre as micro-experiencias desenvoltas.
As iniciativas que se presentan este ano súmanse ás xa promovidas, construíndo colectivamente un observatorio da participación e da cidadanía global, en constante actualización coas inquedanzas e accións da sociedade galega, e da mocidade en particular. O Globo xa conta con máis de 70 micro – experiencias de transformación social!
Se queres participar no V Encontro, podes poñerte en contacto con nós en direccion@solidaridadgalicia.org