Presentamos o Estudo sobre a participación da mocidade en Galicia
Ao longo do ano 2021 desenvolvimos esta investigación, co obxectivo de coñecer cales son as formas de participar da mocidade galega, así como achegarnos a aquelas cuestións que lles dificultan ou facilitan participar socialmente. A investigación tamén contemplou a parte propositiva, procurando as claves para promover a participación social.
30 decembro 2021 | Entre os anos 2020 e 2021 elaborouse o “ESTUDO SOBRE A PARTICIPACIÓN DA MOCIDADE EN GALICIA”, no marco do proxecto de Educación para a Cidadanía Global “O Globo; Observatorio para educar na Cidadanía Global” que conta co financiamento de Cooperación Galega da Xunta de Galicia.
A participación é un elemento chave e indispensable para a transformación social, polo que nos últimos, dende Solidariedade Internacional de Galicia traballan arredor desta cuestión, e desenvolven procesos participativos extensos tanto cara dentro como cara fóra da institución. É por iso que no seo desta organización naceu a inquedanza de desenvolver este estudo, o cal pretende dar resposta a innumerables interrogantes sobre a situación da participación social da mocidade en Galicia.
O estudo parte da hipótese ou problema de investigación da “insuficiente participación social, política e cidadá da mocidade galega” e o análise se vai artellando nun dobre interese, o diagnóstico: achegarse ao coñecemento das prácticas de participación das persoas mozas de 14 a 30 anos de Galicia e, especialmente, os elementos que facilitan ou entorpecen a práctica participativa, así como afondar nas dúbidas existentes sobre se se está producindo unha crise na participación social e nos seus instrumentos organizativos; e cun interese propositivo: a elaboración de propostas ou liñas de traballo axustadas á realidade local e en consonancia cos elementos que compoñen a acción participativa que permitan promover a participación xuvenil no noso territorio.
Por iso se desenvolve metodolóxicamente como unha investigación aplicada, indutiva, descritiva e mixta, que combina técnicas de recollida de datos cuantitativas (enquisas) e cualitativas (revisión bibliográfica, grupos de discusión e laboratorios de participación), todo elo apoiado nunha fundamentación teórica que abrangue a contextualización da participación e da mocidade galega, a promoción da participación xuvenil en Galicia, as contribucións á promoción dunha cultura participativa con enfoque de Educación para a Cidadanía global e O Globo como ferramenta para a promoción da participación.
Durante esta labor investigadora contamos coa cooperación de moitas persoas, máis de 300, sumando mozos e mozas das catro provincias, persoas expertas do grupo motor, persoal técnico de Oficinas Municipais de Información Xuvenil e de Oficinas de Voluntariado de diferentes concellos, persoal investigador da Universidade da Coruña e da Universidade de Santiago, profesorado de centros de secundaria, persoas que forman parte do Prisma, voluntariado, persoas colaboradoras e outras entidades con traballo ou presenza entre xente moza. A todas e a cada unha delas queremos darlle as grazas pois, como non podía ser doutra maneira, foi unha labor sumamente participada.
Os resultados e conclusións do estudo son moi interesantes, convidan a repensar os xeitos de ser e de facer das organizacións e colectivos, ofrece indicios sobre as inquedanzas, intereses e demandas da mocidade e da algunhas pistas para acadar niveis de participación e implicación máis elevados. Por todo elo, convidámosvos a ler e desfrutar deste documento, sempre aberto, ademais, a calquera suxestión de mellora ou continuidade que nos queirades achegar.