Achegamos O Globo ao profesorado galego
O día 13 de novembro tivo lugar a primeira sesión presencial de formación do Globo dirixida ao profesorado. Nesta formación participaron 15 persoas, con perfís profesionais en contacto coa mocidade, como son o profesorado e profesionais da educación social e do traballo social.
17 novembro 2021 | Os obxectivos desta formación que os adiantamos en posts anteriores son o de adquirir coñecementos sobre a Educación para a Cidadanía Global e a Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible como proceso socio – educativo. Para iso, damos a coñecer O Globo como ferramenta de participación social, así como a súa metodoloxía coma estratexia didáctica na aula.
A formación partiu do marco da nova lei de educación e o seu encaixe co traballo en habilidades e valores para exercer a cidadanía global. Asi mesmo, abordáronse a Axenda 2030 e outros recursos de interese para empregar nas aulas.
Despois, demos a coñecer O Globo como ferramenta de participación social, potenciando o desenvolvemento de competencias do currículo escolar. Enmarcamos o concepto de participación dende a teoría, e tamén dende a práctica, amosando as micro – experiencias desenvoltas ao longo destes anos, e procurando os seus valores comúns (horizontalidade, en colectivo, replicable e transformadora).
Dedicamos o final da mañá para testar o “xogo do millonario”, unha dinámica que permite analizar o contexto global de desigualdade, así como os conceptos de interdependencia e corresponsabilidade.
Retomamos a formación coa metodoloxía do Globo: Luces, cámara e acción; procurando a implicación do profesorado na promoción dunha micro – experiencia co seu alumnado. Queremos agradecer ás persoas participantes o bo clima de traballo e a productividade do espazo, e esperamos que os coñecementos sexan útiles e prácticos na súa labor educativa.
A formación continúa, en forma de acompañamento ás persoas participantes ao longo deste proceso nas súas aulas.