O Prisma define as liñas mestras do Globo no 2021
As persoas que compoñen O Prisma reunímonos en liña o día 6 de maio de 2021, para definir as liñas mestras do Globo no 2021. Esta é a cuarta xuntanza do Prisma dende que O Globo comezou a súa andadura.
11 maio 2021 | Esta cuarta reunión do Prisma contou coa participación de 19 persoas, que avaliaron os pasos andados ata o momento e trazaron as liñas a seguir nas actividades do 2021. A fotografía é dunha xuntanza do Prisma previa á situación sanitaria actual.
A reunión deu comezo co resumo de actividades levadas a cabo no ano 2020, que tivemos que adaptar ás condicións sanitarias que vivimos globalmente, e que tiveron impacto na organización das actividades do Globo. Así, no traballo cos centros educativos promovéronse os Faladoiros, achegámonos a entidades e asociacións a través da formación, traballamos con alumnado da Universidade Senior da UdC, e desfrutamos do II Encontro do Globo. A valoración xeral é moi positiva, salientando a capacidade de adaptación á situación (cambio aos formatos en liña), o mantemento dos coidados e a relación coas persoas implicadas no Globo (centros educativos, asociacións, entre outras) na organización e desenvolvemento de todas as actividades.
A segunda parte da xuntanza consistiu na presentación da folla de ruta do 2021, e na achega de propostas do Prisma en tres cuestións principais: a organización do III Encontro do Globo, a comunicación do Globo (tanto en medios tradicionais como nas redes sociais), e as novas micro – experiencias e colectivos de persoas que convidamos a formar parte do Globo. Todas estas achegas guiarán as actividades programadas para o 2021.
Por último, compartimos co Prisma como visualizamos O Globo no futuro. Neste sentido, existe unha clara aposta pola formación en participación e nas metodoloxías que se levan a cabo ao abeiro do Globo: unha formación permanente e de calidade dirixida ao profesorado, ás entidades sociais, e a colectivos interesados na participación. Por outra banda, queremos seguir tirando do fío das micro – experiencias promovidas polas persoas de maior idade, xa que a recuperación e o recoñecemento da memoria histórica, e a perspectiva que aportan, son moi valiosos para poñer en conversa con experiencias de transformación social na actualidade.