Investigamos sobre a participación da mocidade galega
O Globo promove un estudo para coñecer a participación das persoas novas en Galicia, achegándose ás súas principais características, para poder promovela
12 marzo 2021 | Cal é o estado da participación da mocidade galega na actualidade? Cales son as barreiras e cales son os facilitadores para motivar ás persoas novas a participar? Ten cambiado o modelo de participación tradicional? Como se pode contribuír á promoción dunha cultura participativa con enfoque da Cidadanía Global entre a mocidade galega?
Estas son algunhas das preguntas nas que queremos afondar mediante este estudo que poñemos en marcha no 2021, desenvolto seguindo unha metodoloxía de investigación – acción propositiva.
Para achegarnos ás claves da participación da mocidade galega, empregaremos diferentes fontes de información, como a revisión de bibliografía, a realización dunha enquisa entre as persoas novas, e as achegas do grupo motor, composto por diferentes persoas referentes na participación da xuventude en Galicia, que convidamos a facernos chegar a súa visión.
Esta iniciativa é posible grazas ao financiamento de Cooperación Galega da Xunta de Galicia e é coordinada por Solidariedade Internacional de Galicia.