26 xuño 2026 | O pasado 5 de xuño, preto de 80 persoas déronse cita no Castelo de Santa Cruz, en Oleiros, para participar no VIII Encontro de O Globo. A xornada reuniu entidades, centros educativos e colectivos de diferentes lugares co obxectivo de compartir iniciativas de transformación social, tecer redes e desfrutar dun espazo de encontro, aprendizaxe e convivencia.

A mañá comezou cun café quente e galletas de comercio xusto, nun primeiro momento distendido que permitiu ás persoas participantes coñecerse, conversar e compartir as súas expectativas para a xornada.

A continuación, María Paz e María Caride, da ONG Solidariedade Internacional de Galicia, entidade promotora de O Globo, deron a benvida e presentaron o encontro. Durante a súa intervención destacaron a diversidade de experiencias, territorios e ámbitos de traballo representados nesta edición.

Entre as persoas participantes atopábanse representantes do alumnado e profesorado do IES Carlos Casares de Viana do Bolo; mocidade do Concello do Rosal; persoal da ONG Viraventos; integrantes de A Coruña entre Memorias; participantes de Down Lugo e Down Pontevedra; representantes de La Sociocultural; alumnado da Universidade da Coruña en colaboración con BoanoiTe; representantes da Xuntanza pola Vivenda Compostela; persoal, persoas usuarias e nais da Asociación Érguete; integrantes de Democrazia con Z, da Asociación Angueira e de Mulleres Colleiteiras; así como unha representación de AMA y No Olvida, Museo de la Memoria contra la Impunidad de Nicaragua.

A presenza deste último colectivo permitiu achegar ao encontro unha experiencia internacional arredor da memoria, a defensa dos dereitos humanos e a loita contra a impunidade, enriquecendo o intercambio de perspectivas entre as persoas asistentes.

Ademais das iniciativas presentadas durante a xornada, outros colectivos e centros educativos contribuíron ao encontro incorporando as súas propostas á páxina web de O Globo. Deste xeito, continúan alimentando un observatorio da participación e da cidadanía global en constante construción, que recolle as inquedanzas, accións e experiencias transformadoras da sociedade galega.

Tras a presentación, chegou o momento dos obradoiros de regueifa, fotografía participativa e relatograma. A través destas disciplinas artísticas, as persoas participantes descubriron novas maneiras de expresar as súas demandas, comunicar realidades sociais e construír discursos reivindicativos dun xeito creativo e lúdico.

Como en edicións anteriores, o momento central da xornada foi a Feira de Iniciativas de Transformación Social. Este espazo permitiu ao alumnado e aos colectivos dar a coñecer os proxectos nos que estiveran traballando, compartir aprendizaxes e poñer en valor o seu compromiso coa transformación das súas comunidades.

A feira converteuse nun punto de encontro para conversar, descubrir outras experiencias, establecer sinerxías e recoñecer o potencial das iniciativas que se están a desenvolver dentro e fóra de Galicia.

O VIII Encontro deixou unha xornada chea de aprendizaxes, creatividade e novos vínculos. O Globo segue collendo altura e xa agardamos con ilusión a chegada do IX Encontro!