19 abril 2021 | O pasado 26 de marzo, o equipo de técnicas e voluntarias de Solidariedade Internacional de Galicia reunímonos en Ourense nunha sesión na que seguir afondando nas posibilidades de O Globo, establecer os retos para este ano e a folla de ruta para acadalos. Comezamos xa, pois, na procura de entidades e colectivos que queiran sumarse ao Globo amosando as súas apostas transformadoras que faremos públicas no vindeiro encontro previsto para o mes de xullo.

Pero tamén un dos retos é continuar o traballo en centros educativos de secundaria de toda Galicia para que desenvolvan micro-experiencias de transformación social. Por iso o pasado día 9 de abril, atopçamonos co profesorado do IES Elviña e o IES Urbano Lugris de A Coruña, o CPIP Virxe da Cela de Monfero e o IES Fonmiñá da Pastoriza, e reflexionamos sobre como os centros de ensino son escenarios ideais para fomentar a participación cidadá e os valores que promove a Educación para a Cidadanía Global. Todos e todas coincidimos en que chegar a ser competentes na convivencia social dende un sentido de co-responsabilidade e compromiso require de coñecementos sobre distintos aspectos do pasado e do presente da sociedade, a capacidade para pensar solucións e alternativas a problemas comúns e aprender a utilizar os distintos recursos colectivos na defensa do ben común con criterios de igualdade e equidade.

A metodoloxía usada na promoción das micro-experiencias de transformación social (LUCES-CÁMARA-ACCIÓN) ten un gran potencial educativo neste sentido, como estratexia didáctica que favorece a autonomía do alumando na construción dun coñecemento crítico e sistémico. As investigacións vinculadas a problemáticas elixidas polo alumnado sobre o seu entorno resultan idóneas para o desenvolvemento da competencia en investigación, xa que visibilizan a contribución do coñecemento científico para a mellora social, así como a necesidade de rigor para xerar avances nos Dereitos Humanos e o Desenvolvemento Sostible a escala global. Pero non queremos quedar aí, pois somos conscientes tamén da importancia de pór en marcha iniciativas que teñan impacto e busquen concienciar, intervir e mudar a realidade sobre a que investigaron.

Ide preparando as enerxías para este ano, que O Globo continúa xirando!